23/12/2013.

FEAFES Santiago obtén a cualificación de Axencia de Colocación

Dende principios de novembro, FEAFES Galicia conta coa certificación oficial que acredita á delegación de Santiago de Compostela como Axencia de Colocación. Trátase dun paso máis no camiño cara a consecución dunha inserción laboral cada vez maior e mellor das persoas con enfermidade mental, ademais dun recoñecemento ó traballo que realiza a entidade en materia  de inserción laboral.

As Axencias de Colocación teñen como misión dinamizar o mercado de traballo a través da intermediación laboral e da promoción de oportunidades e capacidades para a inserción de persoas desempregadas. Esta figura está regulada por un Real Decreto de Decembro do 2010 co obxecto de facer fronte ó alto índice de desemprego que existe no noso país. 

Grazas a esta cualificación, FEAFES Galicia, centro colaborador do Servizo Público de Emprego, continúa aproveitando ó máximo as sinerxías que se establecen con estes servizos, ademais de manter tamén unha estreita relación co tecido empresarial da zona e arredores. A bolsa de emprego de FEAFES Galicia conta con máis de 500 demandantes con discapacidade por enfermidade mental en Santiago, e todos os servizos que se ofertan son de carácter gratuíto.

A colaboración coa Axencia de Colocación permitirá optimizar os procedementos de intermediación e contribuirá a mellorar a situación das persoas con discapacidade en relación á súa inclusión laboral. FEAFES traballa para potenciar as expectativas laborais deste colectivo e o fai a través dunha atención personalizada e dun apoio e acompañamento permanentes.

O fin último do traballo de FEAFES como axencia de colocación é proporcionar ós demandantes de emprego que teñen enfermidade mental un traballo axeitado ás súas características, así como achegar ás empresas aqueles traballadores que se axusten ós seus requirimentos e necesidades. 

itinere1.jpg

Compartir contido