30/09/2014.

Fonte da Virxe presenta o seu novo local o Día Mundial da Saúde Mental

A asociación Fonte da Virxe conta cuns novos locais para desenvolver a súa actividade, e qué mellor data para dalos a coñecer que o Día Mundial da Saúde Mental. As novas instalacións de Fonte da Virxe, que substituirán ás antigas de Turques, estarán situadas en Campo do Forno nº 1, baixo (Santiago de Compostela).

Este ano, FEAFES Galicia fará coincidir a conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental coa presentación deste novo local. O evento comezará ás 18:00 coas intervencións de Xosé Ramón Girón, presidente de FEAFES Galicia, Cristina Riobó, representante do Comité de Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, e Mar Piñeiro, presidenta de Fonte da Virxe. Contaremos ademais coa presenza de María Jesús Sáinz, Senadora do Partido Popular pola provincia de A Coruña, que acudirá ó acto para coñecer as instalacións de Fonte da Virxe e dedicará unhas palabras con motivo do Día Mundial da Saúde Mental.

Tras estas intervencións, haberá unha xornada de portas abertas para que todos aqueles que o desexen poidan coñecer as novas instalacións de Fonte da Virxe e falar cos seus usuarios sobre o traballo que se realiza na asociación. A prensa estará convidada a este evento polo que poderá ver de primeira man o funcionamento dunha asociación de atención á saúde mental. 

Tras a visita, todos os asistentes estarán convidados a un aperitivo ás 18:30 para celebrar conxuntamente a inauguración da nova sede de Fonte da Virxe e o Día Mundial da Saúde Mental.

10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental

Cada 10 de outubro, FEAFES Galicia conmemora o día dedicado á promoción da saúde mental e á reivindicación dunha atención axeitada e integral para este colectivo, que representa a máis de 41.500 persoas en toda Galicia.  

Unha atención integral implica que ademais do tratamento farmacolóxico se apliquen todas as medidas terapéuticas necesarias e adaptadas ás necesidades particulares de cada persoa.  Segundo unha enquisa da OMS, entre un 35 e un 50 por cento das persoas con enfermidade mental dos países desenvolvidos non recibe ningún tipo de tratamento, e aqueles que o reciben non sempre teñen asegurada unha continuidade nin unha abordaxe integral do mesmo.

FEAFES Galicia insiste na necesidade de implementar mecanismos de apoio e soporte para as persoas que padecen estes trastornos, que en moitas ocasións atópanse en risco de exclusión social. É igualmente necesario brindar apoio e recursos para os familiares que asumen o gran coidado que xera esta enfermidade, pois non cabe dúbida de que os trastornos mentais son unha enfermedad de dous. Por outra banda, a necesidade de axustar a medicación dos pacientes mentais ata lograr a mínima dose posible é unha das maiores reivindicacións que fan actualmente os usuarios de FEAFES Galicia.

Este ano, o lema elixido polo movemento asociativo FEAFES para esta data é “Abrindo mentes, cerrando estigmas”, xa que por desgraza, o descoñecemento e os prexuízos en torno ós problemas de saúde mental aínda seguen a ser un dos principais problemas do día a día das persoas con algún tipo de trastorno mental.

Invitacion DMSM 2014.jpg

Compartir contido