07/01/2015.

Gala benéfica a favor de APEM

A asociación de saúde mental APEM comeza o ano co pé dereito, pois o sábado 17 de xaneiro será a beneficiaria dun concerto solidario que realizará a Coral Polifónica Santa María de Cambre. Trátase dunha iniciativa benéfica cuxa recadación será destinada á entidade coruñesa, asociación que dende 1980 desenvolve unha importante actividade de atención a persoas con enfermidade mental e ós seus familiares.

O espectáculo que ofrecerá a Coral Polifónica Santa María de Cambre leva o nome “Viva a Zarzuela”, e nel interpretaranse diversos e coñecidos temas deste estilo musical. Esta coral, composta actualmente por 40 voces femininas e masculinas, naceu no ano 1998 por iniciativa da Asociación da Terceira Idade de Cambre, e desde entón colabora desinteresadamente con diversas entidades de voluntariado e de acción social.

A gala benéfica comezará ás 20:00 e terá lugar no Centro Ágora (Calle Ágora s/n, A Coruña). A entrada, cun prezo colaborativo de 3 euros, atópase á venda no Centro Los Chopos da asociación APEM (Praza Los Chopos, Bl. 22, nº1, A Coruña). 

Se queres máis información, podes visitar a web de APEM neste enlace ou poñerte en contacto coa asociación escribindo a apem@apemcoruna.es ou chamando ó 981 13 22 18.

gala benefica apem.jpg

Compartir contido