04/12/2015.

“la Caixa” colabora con FEAFES Galicia na inserción laboral do colectivo

Obra Social “la Caixa” ven de conceder unha axuda para o proxecto “Emprego con apoio para persoas con enfermidade mental” presentado por FEAFES Galicia á convocatoria “Inserción sociolaboral” dentro do Programa de Axudas a Proxectos e Iniciativas 2015. 

Esta mañá, o presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, asinou con Alejandra Varela Fontenla o convenio de colaboración que certifica esta axuda. Grazas a esta subvención, 30 persoas con enfermidade mental de Ourense e Pontevedra poderán beneficiarse deste proxecto, que se desenvolverá ó longo do 2016 e ten como obxectivo a inserción laboral do 50% dos participantes.

O proxecto “Emprego con apoio para persoas con enfermidade mental” baséase en dous eixos: por un lado, a preparación previa para acceder a un traballo a través da realización de prácticas non laborais en empresas, e por outro lado, o Emprego con Apoio que garante tanto o acceso como o mantemento do posto de traballo.

A posibilidade de que persoas con enfermidade mental realicen prácticas en empresas ten, para FEAFES Galicia, un dobre valor: ás persoas con discapacidade permítelles aumentar o seu currículo e formarse nun posto real, e o empresario ten a oportunidade de formar a un traballador e avalialo antes de contratalo. 

Por outra banda, o Emprego con Apoio ofrece orientación e acompañamento individualizado no posto de traballo realizado por preparadores laborais especializados. FEAFES Galicia pretende deste xeito facilitar a adaptación social e laboral dos traballadores con enfermidade mental, superando as súas dificultades para insertarse no mercado laboral ordinario e buscando a igualdade de condicións cos demais traballadores.


Compartir contido