27/03/2012.

Mapfre e Feafes colaboran na integración laboral de persoas con enfermidade mental

Feafes Galicia asinou un convenio de colaboración coa Fundación Mapfre para xuntar esforzos na integración sociolaboral de persoas con enfermidade mental. Este acordo tradúcese no programa 'Xuntos Somos Capaces', cuxo principal obxectivo é a inserción no mercado laboral de persoas con discapacidade intelectual e mental en situación de desemprego.

Neste programa están integradas distintas entidades sociais, á que agora se suma Feafes Galicia, e xunta esforzos para que as empresas actúen como motor de transformación social no ámbito da Responsabilidade Social Corporativa (RSC).

A través deste programa ofrécese ás empresas colaboradoras os servizos de selección de persoal formado e motivado, formación á medida, seguimento e apoio en todo o proceso e, entre outros, candidatos para prácticas profesionais.

Ademais, o programa brinda unha serie de beneficios, como subvencións e axudas públicas para a contratación de persoas con discapacidade, así como o recoñecemento social da empresa e unha maior motivación entre os empregados e un mellor clima interno.

A través desta colaboración, que continúa coa mesma metodoloxía que leva a cabo Feafes Galicia dentro do seu Servizo de Inserción Sociolaboral esperamos obter resultados positivos na incorporación e mantemento do posto de traballo de persoas con enfermidade mental.

Compartir contido