21/05/2014.

O grupo parlamentario socialista recibe a FEAFES Galicia

A pasada semana, FEAFES Galicia facía público un manifesto no que defendía a necesidade de pechar os psiquiátricos galegos asegurando unha alternativa digna para os pacientes de saúde mental en unidades de media e longa estancia. 

Este comunicado respondía ás recentes comparecencias realizadas no Parlamento polo director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Félix Rubial, nas que presentaba os datos do estancamento no que está sumido o plan de externalización dos psiquiátricos iniciado en Galicia no 2009 para dar cumprimento á Lei Xeral de Sanidade de 1986.

Aproveitando a recente saída á luz deste asunto, FEAFES Galicia solicitou unha reunión cos representantes dos grupos parlamentarios galegos para darlles a coñecer a postura da Federación e debater acerca da situación actual, un panorama no que, 27 anos despois do comezo da reforma psiquiátrica, aínda seguen a existir en Galicia vestixios do que eran os antigos manicomios. 

A supervivencia destes psiquiátricos enfróntanos directamente a un dos peores episodios do noso pasado no que respecta á dignidade e cumprimento dos dereitos máis básicos das persoas con enfermidade mental. Por iso, FEAFES Galicia defende a súa eliminación garantindo unha derivación de pacientes o máis profesional e racional posible, tendo en conta a provisión dun recurso alternativo digno e normalizador.

A primeira destas reunións terá lugar a mañá do mércores 21 de maio con dúas representantes do grupo parlamentario socialista, a voceira de Política Social, Carmen Gallego Calvar, e a voceira de Sanidade, Mª Carmen Acuña do Campo.

reunion socialistas.jpg        4. OURENSE- CARMEN ACUÑA.jpg

Compartir contido