17/11/2014.

O programa de atención integral a mulleres con enfermidade mental chega a toda Galicia

Durante a segunda quincena de novembro, FEAFES Galicia imparte unha serie de obradoiros dirixidos a mulleres con enfermidade mental nas cidades de Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Cofinanciados polo Fondo Social Europeo e pola Secretaría Xeral de Igualdade, estes cursos intégranse dentro do Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental que leva a cabo FEAFES Galicia.

As mulleres con trastorno mental grave son un colectivo especialmente vulnerable xa que sofren unha triple discriminación: o estigma asociado ó padecemento dunha enfermidade mental, o rexeitamento que provoca a discapacidade derivada da enfermidade mental e a discriminación provocada nesta sociedade polo feito de ser muller. É por iso que FEAFES Galicia pretende apoiar os procesos de integración social destas mulleres, mellorar o seu benestar físico e aumentar o seu autoestima a través da participación activa na comunidade.

Os obradoiros que se imparten este mes no marco do Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental pretenden mellorar as capacidades e habilidades deste colectivo, dotando a estas mulleres das ferramentas necesarias para facer fronte ó seu día a día dun xeito eficaz e contribuíndo así á mellora da súa calidade de vida. 

Este ano, os obradoiros amplían o seu ámbito de actuación e serán realizados nas cinco delegacións de FEAFES Galicia no lugar de levarse a cabo só en Santiago, como viña sucedendo ata agora. Deste xeito, a poboación beneficiaria será moito maior e o resultado do programa máis positivo. 

A formación estará impartida por Raquel León Lamela, psicóloga de FEAFES Galicia, e abordará diversos temas relacionados coas mulleres e a saúde mental. Ó longo do 2014, o Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental comprendeu cursos tales como Psicoeducación para familiares; Autoestima e Autocoidados; Prevención de Malos Tratos; Emprendemento Laboral para Mulleres; O tabaco, os fumadores e como deixar de fumar; e un Taller de Motivación e Técnicas de Busca de Emprego.

obradoiros mulleres (2).jpg     obradopiros mulleres.jpg

logos mulleres.jpg

Compartir contido