08/05/2014.

O Servizo de Asesoría Xurídica de FEAFES Galicia imparte formación polas asociacións

A sala da Deputación de Pontevedra en Vigo (Rúa Oporto 3) acollerá esta tarde, de 18:00 a 20:00 horas, unha charla impartida polos asesores xurídicos de FEAFES Galicia dirixida a familiares e profesionais da asociación Doa. Durante estas dúas horas de coloquio, os avogados da Federación compartirán con preto de 40 persoas distintos temas xurídicos relacionados coa saúde mental.

En primeiro lugar, presentarase o Servizo de Asesoría Xurídica de FEAFES Galicia para que os asistentes coñezan as facilidades que poden obter a través del. A continuación abordaranse unha serie de temas como as incapacitacións, o internamento e o tratamento involuntario, falando tamén da tutela, a curatela e as reclamacións que poden facer as persoas con enfermidade mental ou os seus familiares ante a Administración.

Os avogados de FEAFES Galicia explicarán, así mesmo, os distintos tipos de pensións dos que se poden beneficiar os usuarios das asociacións: por incapacidade permanente, por viuvez, por orfandade, a RISGA, a RAI... Igualmente, tratarase o tema das sucesións, o patrimonio protexido e a incapacidade.

Finalmente, o tema que pechará a charla será a proposta de reforma do Código Penal e as consecuencias negativas que traerá ás persoas con enfermidade mental no caso de que se chegue a aprobar.

A través destas accións formativas, o Servizo de Asesoría Xurídica de FEAFES Galicia pretende achegar ás asociacións federadas, así como a outros organismos ou entidades interesadas, aquelas cuestións legais relacionadas coa saúde mental que os usuarios e familiares deben ter en conta á hora de abordar determinadas situacións. 

charla asesoria xuridica.jpg

Compartir contido