04/06/2014.

O Terceiro Sector Galego convoca unha xornada sobre os perigos da Lei Xeral de Subvencións

As tres plataformas de ONG galegas (EAPN Galicia, CERMI Galicia e Coordinadora Galega de ONGD), que representan á práctica totalidade do Terceiro Sector de Acción Social e de Cooperación para o Desenvolvemento de Galicia, organizan unha Xornada sobre o Anteproxecto de Lei de Subvencións para analizar a reforma desta normativa ante os riscos e cambios que implica para as entidades sen ánimo de lucro.

As modificacións que se contemplan no anteproxecto de lei poderían prexudicar seriamente o traballo que veñen realizando dende hai anos as organizacións non lucrativas para tentar mellorar a situación de milleiros de persoas en risco de pobreza ou exclusión social.

Por este motivo, organízase este encontro que se celebrará o vindeiro 5 de xuño no Centro Social Novacaixagalicia de Santiago de Compostela ás 10:00 horas para poñer en coñecemento das entidades do sector as consecuencias que terá a devandita reforma se chega a aprobarse.

Trátase dun encontro aberto no que, a través de exposicións, debates e achegas, analizarase o anteproxecto da Lei Xeral de Subvencións en relación á actual  Lei 38/2003 e redactarase un documento de conclusións e modificacións cos aspectos máis importantes que xurdan no marco desta xornada.

O Anteproxecto que modifica a Lei Xeral de Subvencións suporía un aumento das trabas administrativas e un alto risco financeiro para as entidades, xa que os cambios modifican condicións como o acceso ás subvencións, o cobro dos anticipos, os procesos de xustificación e o réxime sancionador. 

No que se refire ao cofinanciamento, o anteproxecto establece un mesmo sistema para todas as entidades, con independencia dos programas que desenvolvan, o que implica que os servizos que se prestan ás persoas en risco de exclusión van ter que ser cofinanciados con outro tipo de fondos privados. Ademais implica que as propias organizacións van ser as que financien á administración pública no cumprimento das súas obrigas coa cidadanía en situación de vulnerabilidade. 

De manterse a redacción tal e como está, ademais, abriríase a porta á entrada do ánimo de lucro na prestación de servizos sociais. Dende o Terceiro Sector de Acción Social de Galicia alértase de que a indefinición de algúns artigos do texto poderían abrir a porta a que entidades privadas con fins lucrativos poidan entrar nas convocatorias de subvencións públicas. 

Outro dos puntos que espertan especial preocupación é o que establece que os fondos non se pagarán ata que se xustifique a subvención. Unha novidade que non vai permitir que as entidades teñan cartos en líquido para realizar os seus proxectos e que só se podería solucionar recorrendo ao crédito (algo ao que a maior parte delas non poden acceder).  

ley general subvenciones.jpg

Compartir contido