28/05/2015.

O XIX Congreso FEAFES, en busca da autonomía persoal

O XIX Congreso Estatal FEAFES, que terá lugar os próximos 11 e 12 de xuño na Coruña baixo o lema "Embarcados cara a unha vida plena", estruturarase en tres paneis temáticos, moderados por xornalistas e colaboradores de medios de comunicación, nos que se analizará a situación do emprego, da vivenda e do risco de exclusión social das persoas con problemas de saúde mental.

Trátase de debuxar o camiño deste colectivo cara a súa autonomía persoal, algo que, en palabras da Directora Executiva da Confederación FEAFES, Celeste Mariner, é fundamental "para a súa recuperación e a súa plena inclusión en sociedade e esencial para alcanzar unha mellor calidade de vida, ao tempo que reforza o seu autoestima e as súas relacións persoais,".

O xornalista e presentador da Televisión de Galicia, Terio Carrera, será o condutor das xornadas, para o cal estará acompañado doutros nomes mediáticos como Pepe Formoso de Radio Nordés Cadena Ser, Clara de Saa de Radio Galega e Gonzalo Gesto colaborador de RadioVoz, encargados todos eles de moderar as distintas mesas de debate. Tomás Sercovich, Director de Relacións Externas de Forética, será o encargado de ofrecer a conferencia marco o día 11 de xuño.

Emprego, un camiño cara á autonomía

A segunda xornada comezará cunha mesa sobre emprego, na que o Presidente do Padroado de Fundación Emplea, Presidente honorífico de AESE e Vicepresidente de EUSE, Fernando Bellver, exporá a súa visión acerca de como o emprego con apoio supón unha vía de inserción laboral das persoas con trastorno mental. Explicará así mesmo as accións e proxectos nacionais e internacionais que se están a desenvolver dende entidades como a Asociación Española de Emprego con Apoio (AESE), a European Union of Supported Employment (EUSE) ou a Fundación EMPLEA.

Bellver estará acompañado polo director da residencia de ASOVICA, Marcos Gómez, que presentará a traxectoria de Asovicauto, dende que se puxo en marcha en 1998 ata converterse nun dos centros especiais de emprego de referencia tanto no movemento FEAFES coma no mercado do emprego protexido. Gómez explicará o funcionamento da iniciativa e as dificultades, retos e éxitos deste modelo de integración laboral. No mesmo panel intervirá Ángel Urbina en representación de Repsol, compañía, que integrou a perspectiva das múltiples capacidades ás súas políticas de recursos humanos.

Vivenda, un lugar para a autonomía

A independencia habitacional é un factor fundamental na autonomía das persoas. Por iso, estarán no Congreso Aberlado Rodríguez, Coordinador técnico da Rede de Atención Social a Persoas con Enfermidade Mental da Comunidade de Madrid, que dará conta dos distintos recursos residenciais que existen na Comunidade de Madrid e cales son as posibilidades, vantaxes e riscos de cada un deles.

Por outro lado, contaremos con Miguel Leturia, Director da área de Consultaría de Matía Instituto Xerontolóxico, que compartirá o proxecto "Etxean Ondo" (Na casa, ben), un modelo de atención baseado nas preferencias das persoas e na abordaxe no seu ámbito máis próximo. Ademais, unha persoa usuaria dos recursos residenciais da asociación APEM da Coruña exporá o seu testemuño persoal.

Saúde mental, un tobogán cara á exclusión social?

Por último, e para abordar a cuestión do risco de exclusión social das persoas con problemas de saúde mental e a súa prevención, o presidente da asociación lucense Alume, Manuel Fernández, compartirá cos asistentes o programa de atención á poboación reclusa nos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso, así como o programa de atención a persoas con enfermidade mental sen fogar.

Nesta mesma mesa, Mariasun Garay, do Programa de Asistencia Psiquiátrica a Persoas Sen Fogar de Bilbao de Osakidetza, transmitirá a súa experiencia e exporá os distintos casos atendidos, as dificultades e os resultados obtidos co programa. Carlos García Lampón, representante de FEAFES Galicia no Comité Estatal de Persoas con Enfermidade Mental, exporá as debilidades do sistema social e da atención á saúde mental.

Encontro do movemento asociativo

Con estes relatorios e coa interacción do público asistente, o Congreso FEAFES pretende ser un foro de encontro, debate e aprendizaxe a partir da cal o movemento asociativo saia reforzado no seu conxunto. Do mesmo modo, ao rematar as exposicións, celebrarase un encontro do movemento asociativo no que as federacións e asociacións uniprovinciais amosarán proxectos, iniciativas e experiencias innovadoras desenvolvidas no seu territorio, coa fin de intercambiar experiencias.

PARA CONSULTAR O PROGRAMA COMPLETO, PICA AQUÍ.

PARA INSCRIBIRTE NO CONGRESO, PICA AQUÍ.

congreso nacional save the date grande.jpg

Compartir contido