03/02/2014.

Usuarios amplían as súas posibilidades laborais grazas a un curso de xardinería

Catorce usuarios da asociación Avelaíña, de Axuda a Persoas con Enfermidade Mental de A Guardia e Gondomar, ampliarán as súas posibilidades de inserción laboral no sector da xardinería grazas ó curso organizado por FSC Inserta, entidade para a formación e o emprego da Fundación ONCE, que o desenvolve dentro do Programa "Por talento", coa cofinanciación do Fondo Social Europeo.

O curso, denominado "Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería", rematará o 17 de marzo deste ano tras 330 horas lectivas nas que se abordará todo o relacionado co mantemento de xardíns e  parques.

No centro de A Guarda da asociación Avelaíña habilitouse unha zona para a realización desta actividade, onde se lles proporciona ós usuarios a formación e habilidades necesarias para o manexo de ferramentas, así como un ritmo de execución  e coidado das mesmas.

Esta experiencia formativa nace a raíz do convencemento de que o contacto con escenarios naturais e a realización de tarefas físicas logra grandes beneficios para a saúde, especialmente no caso de persoas con enfermidade mental. Deste xeito, entendemos o papel da xardinería como terapia para mellorar o seu estado físico e mental, favorecendo así a súa rehabilitación. 

Ricardo Paredes, profesor encargado desta formación, destacou a importancia deste curso para o desenvolvemento de aptitudes e habilidades persoais coas que lograr unha plena participación no entorno laboral e social dos usuarios, “xa que a idea é buscar empresas onde poder facer prácticas e finalmente tratar de lograr a inserción laboral”.

curso jardineria.jpg

Compartir contido