29/05/2015.

Usuarios de FEAFES Galicia visitan as cubertas da catedral de Santiago

Un total de 20 usuarios de FEAFES Galicia pertencentes ó Club de Ocio de Santiago teñen a oportunidade de subir ós teitos do templo compostelá grazas á Fundación Catedral de Santiago. A través dun percorrido guiado por estas cubertas de construción románica, os visitantes poderán aproximarse á arquitectura da catedral, á súa historia e á tradición xacobea, ademais de admirar unha espectacular panorámica de Santiago a vista de paxaro.

A visita terá lugar o sábado 30 de maio ás 17:00 e comezará no Centro de Recepción de Visitantes ubicado na Cripta do Pórtico da Gloria, baixo a escalinata da fachada do Obradoiro. Dende alí ascéndese, pasando pola Tribuna, ás cubertas da Catedral de Santiago, un lugar privilexiado dende o que se pode completar a visión da Basílica e, ó mesmo tempo, contemplar Compostela.

Durante esta visita, os usuarios de FEAFES Galicia coñecerán as orixes da cidade, a súa evolución e o seu crecemento, ó mesmo tempo que disfrutarán dun amplo panorama do seu entorno composto por históricas montañas cheas de tradicións xacobeas. Dende o miradoiro arquitectónico que ofrece a cuberta do monumento, os visitantes poderán reflexionar tamén sobre os feitos históricos e artísticos que conformaron o que son hoxe en día a cidade de Santiago e a súa catedral.

visita cubiertas catedral.jpg

Compartir contido