24/10/2014.

Usuarios de FEAFES Galicia visitan Barro, Caldas de Reis e Cuntis

Un total de 51 persoas con enfermidade mental poderán disfrutar do programa “Coñece a túa provincia” que se leva a cabo dende o Servizo de Servizos Sociais e Promoción de Emprego da Deputación de Pontevedra.

A través deste programa, a Deputación oferta unha serie de rutas por diversos lugares da provincia que son executadas, coordinadas e avaliadas por unha empresa especializada na materia. Neste caso, os usuarios de FEAFES Galicia poderán disfrutar este sábado 25 de outubro dunha ruta por diversos lugares de Barro, Portas, Caldas de Reis e Cuntis. 

A actividade comezará ás 10:00 da mañá cunha visita ás Fervenzas do Parque Natural da Barosa, en Barro. Trátase dun espazo onde poder relaxarse rodeado de natureza e admirando a forza da auga, que xa era empregada polos ancestros para construír muíños cos que moer o trigo.

A ruta continuará cunha visita á antiga azucreira e ó miradoiro do val do Umia, situados ambos no concello de Portas, despois do cal achegarémonos á exposición do matemático e fotógrafo Domingo Fontán, nado nesta localidade.

Tras a comida, que terá lugar ás 14:15 nun restaurante de Caldas de Reis, os usuarios de FEAFES Galicia poderán visitar a zona antiga deste lugar, que conta cunha ponte romana, un xardín centenario e a famosa fonte das Burgas. 

Despois dun descanso a media tarde, retomaremos as visitas achegándonos ó conxunto arqueolóxico de Castrolandín, en Cuntis. Despois de coñecer estes xacementos situados no punto máis alto da montaña, darase por finalizada a actividade ás 19:00.

ruta pontevedra (1).jpg     ruta pontevedra (2).jpg

Compartir contido