03/12/2014.

Vigo congregou a 160 persoas nas VI Xornadas de Saúde Mental e Emprego

Onte, martes 2 de decembro, celebráronse as VI Xornadas de Saúde Mental e Emprego baixo o lema  “Recuperación, emprego e inclusión”. Neste encontro, que contou cunha participación de 160 persoas, diversos expertos de Galicia e doutros lugares de España intercambiaron experiencias sobre a inserción laboral de persoas con enfermidade mental. 

O Museo Verbum de Vigo foi o espazo que acolleu estas xornadas. Entre o público houbo persoas con enfermidade mental, familiares, profesionais relacionados coa saúde mental, estudantes, xente do mundo empresarial e sociedade en xeral. 

Na apertura deste encontro, o Presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, estivo acompañado por Marta Iglesias, Deputada Provincial de Pontevedra; Santos Héctor Rodríguez, Concelleiro de Emprego, Participación Cidadá e Voluntariado; e Isaura Abelairas, Concelleira de Benestar, Igualdade e Normalización Lingüística do Concello de Vigo. O presidente da entidade puxo o acento sobre a importancia de fomentar o acceso ó emprego das persoas con enfermidade mental, posto que o traballo é un dereito para todos os cidadáns e se trata do paso definitivo para lograr a plena integración social deste colectivo.

Entre os temas que se abordaron nas xornadas, falouse dos recursos sanitarios para a autonomía persoal e o emprego da man do Doutor José Manuel Olivares, xefe do Servizo de Saúde Mental do CHUVI. Olivares sinalou que a tendencia dos servizos de psiquiatría é recibir cada vez máis demanda mentres se produce un “sistemático recorte de recursos”, denunciando que se trata dun servizo que xa se atopa masificado.

Pola súa banda, Fernando Bellver, presidente da Fundación EMPLEA, falou dos modelos de emprego con apoio, incidindo en que os empresarios son o principal axente integrador das persoas con discapacidade e recordando o valor de incorporar a diversidade nas plantillas das empresas. 

Pau Garabella, coordinador do programa Incorpora Saúde Mental de “la Caixa”, presentou os avances nos recursos de inserción laboral das persoas con enfermidade mental, chamando a atención sobre os moitos obstáculos e o gran estigma que existe no lugar de traballo cara as persoas con enfermidade mental e a necesidade de facer fronte a esta realidade.  

As sesións da tarde comezaron cunha ponencia sobre o papel do emprego e a familia no proceso de recuperación das persoas con enfermidade mental, contadas dende a experiencia dun Centro de Rehabilitación Psicosocial. Jesús López, director do CRPS da asociación Lar, foi o encargado de presentarnos este traballo, quen falou da importancia de “consensuar co usuario e coa familia os pasos do seu proceso de recuperación”. López incidiu tamén en que, se ben o emprego non ten que ser o obxectivo último para todas as persoas con enfermidade mental, é un elemento que permite a plena integración de calquera individuo, pois “ter algo que dar, e non só precisar axuda, aumenta a autoestima”. 

O encontro rematou coas intervencións de empresarios e traballadores que contaron en primeira persoa a súa experiencia de inserción laboral, facendo destas xornadas un foro de difusión e debate social sobre as dificultades da saúde mental e a súa vinculación co emprego.

Dende FEAFES Galicia queremos agradecer e destacar a asistencia e o interese amosado por todos os participantes nestas xornadas anuais, pois a resposta positiva do público e de toda a xente que interveu é o que lle da senso a este encontro. Vémonos o ano que ven!

jornadas empleo post (2).JPG

Compartir contido