22/10/2014.

Xornada de fútbol co S.D. Compostela

O pasado domingo 19 de outubro, un total de doce usuarios do Club de Ocio de FEAFES Santiago acudiron ó encontro disputado entre o S.D. Compostela e o C.D. Lealtad. Isto foi posible grazas á colaboración do club santiagués coa nosa Federación, que demostra unha vez máis o seu compromiso co fomento do ocio normalizado entre as persoas con enfermidade mental.

O Estadio de San Lázaro encheuse de máis de mil aficionados que presenciaron a vitoria do equipo local, cun resultado de dous goles a favor e un en contra que permitiron ó Compos sumar o cuarto triunfo da tempada. Tras unha racha de mala sorte en casa, os usuarios de FEAFES Santiago e demáis seguidores do equipo santiagués celebraron os tres puntos que o Compostela sumou á súa tabla de resultados.

Os usuarios de FEAFES Galicia que se benefician das actividades organizadas para o disfrute do tempo libre tales como a asistencia a partidos deste tipo, logran mellorar a súa calidade de vida e achegarse un pouco máis a unha integración social real. Grazas á participación nestas actividades, as persoas con enfermidade mental rompen coa rutina diaria, socializan, adquiren autonomía e disfrutan do mesmo ocio do que goza o resto da cidadanía.

Ó longo do ano pasado, un total de 533 persoas con enfermidade mental da nosa Federación acudiron como espectadores a partidos de fútbol de diversos equipos galegos, entre eles o S.D. Compostela, a quen agradecemos unha vez máis a súa colaboración.

partido compos.jpg

Compartir contido