Servizos para persoas con problemas de saúde mental

En Saúde Mental FEAFES Galicia esforzámonos para ofrecer ás nosas persoas usuarias, familiares e persoas achegadas, o asesoramento e os recursos que poidan precisar en diversos eidos. Para iso, contamos cunha serie de servizos gratuítos.

Se queres saber cal é a asociación máis próxima a ti, pica aquí
Proporcionamos información e asesoramento individualizado sobre saúde mental, recursos e servizos que poden resultar de utilidade para as persoas con problemas de saúde mental. Ademais, realízanse accións de acompañamento social e ofrécese asesoramento xurídico gratuíto sobre temas legais que poidan afectar ás persoas con problemas de saúde mental.

Servizo prestado por: federación + asociacións

Ofrecemos diversos recursos, normalmente en centros específicos, que favorecen a rehabilitación psicosocial, a autonomía persoal e a atención axeitada ás necesidades das persoas con problemas de saúde mental. Neste senso, contamos con Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral, Centros Ocupacionais e Centros de Día.

Servizo prestado por: asociacións

Ofrecemos un servizo de vivenda e solucións residenciais para aquelas persoas que, pola súa situación, teñen neste recurso a saída máis axeitada ás súas necesidades de residencia. Contamos con pisos protexidos, pisos de transición para persoas sen fogar e unidades residenciais. Por outra banda, tamén realizamos accións que posibilitan a atención destas persoas no seu domicilio e, por tanto, a súa permanencia neste. 

Servizo prestado por: federación + asociacións

Atendemos a persoas con problemas de saúde mental que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade social, económica ou material. Para iso, contamos con equipos de intervención social que atenden a persoas sen teito ou sen fogar, do mesmo xeito que realizamos atención domiciliaria no ámbito rural e en domicilios urbanos en situación de extrema vulnerabilidade. Traballamos, igualmente, con persoas internas en Centros Penais e en Centros de Inclusión Social.

Servizo prestado por: federación + asociacións

A inserción laboral é un factor fundamental no proceso de integración e normalización das persoas con problemas de saúde mental. Por iso, dende Saúde Mental FEAFES Galicia facilitamos información, apoio e asesoramento para a procura de emprego como centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia. Realizamos tamén formación prelaboral e ocupacional, desenvolvemos accións de prospección e intermediación con empresas e realizamos emprego con apoio. Ademais, algunhas asociacións federadas contan con Centros Especiais de Emprego.

Servizo prestado por: federación + asociacións

As actividades de tempo libre permiten mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental, as súas familias e as persoas achegadas. Os e as participantes rompen coa rutina diaria realizando e participando en diferentes actividades socioculturais, deportivas e  recreativas. Á súa vez, estas actividades permiten un respiro ás familias e persoas achegadas nas súas tarefas de coidados. Ao longo do ano, organizamos estancias vacacionais, saídas, excursións e viaxes.

Servizo prestado por: federación + asociacións