Que facer

Aínda que nalgún momento da nosa vida todas as persoas experimentamos sentimentos de tristura, ansiedade, insomnio, etc., estes síntomas soamente se consideran un problema de saúde mental cando provocan un comportamento social desaxustado, causan un importante malestar subxectivo e son persistentes no tempo.

A manifestación dos problemas de saúde mental é diferente en cada persoas, aínda que poden darse unha serie de circunstancias comúns como anomalías na forma de transmitiros sentimentos, complicacións á hora de comunicarse coa súa contorna (usando palabras novas, tatexando ou alterando a orde das palabras nunha frase), cambios na conduta ou anomalías na forma de pensar e na conciencia da realidade.

Os problemas de saúde mental son crónicos cando a persoa que os ten encontra dificultades para realizar unha vida totalmente independente. En xeral, fálase de enfermidade mental crónica cando a persoa recibe un diagnóstico psiquiátrico grave, cando o problema é de longa duración e cando ten problemas para funcionar de forma adecuada no seu ámbito.

Ante os primeiros indicios de que unha persoa poida ter un problema de saúde mental, os equipos de Atención Primaria son o servizo sanitario máis accesible, próximo e coñecedor da situación da persoa. O médico de cabeceira é a porta de entrada ao sistema sanitario e é o lugar onde deben acudir en primeiro lugar as persoas con problemas de saúde mental e as súas familias.

É necesario destacar que soamente o persoal médico pode facer un diagnóstico dunha enfermidade mental. Unha vez que o ou a profesional ditaminou a existencia dun problema de saúde mental, o ou a paciente e as súas persoas achegadas deben saber que hoxe en día existe unha oportunidade real de recuperación para moitos casos de trastorno psiquiátrico.

Os problemas de saúde mental poden controlarse cun tratamento axeitado. Este pode ser distinto segundo o tipo de enfermidade e adóitanse deseñar intervencións personalizadas para cada caso. Frecuentemente combínase o tratamento farmacolóxico con medidas de rehabilitación sociolaboral, psicoterapias e apoio familiar.

Cando os problemas de saúde mental están controlados, a persoa pode integrarse na comunidade e levar unha vida totalmente normalizada, ter a súa rede social, familiar, o seu emprego, etc. Non hai que esquecer que todas as persoas temos os mesmos dereitos, aínda que frecuentemente os prexuízos que lamentablemente aínda existen na sociedade limitan ás persoas con problemas de saúde mental a gozar e exercer todos os seus dereitos de forma plena.

Unha contorna familiar e social axeitada é moi importante na recuperación dunha persoa con problemas de saúde mental. O papel da familia e das persoas achegadas é esencial, posto que a experiencia vivida e a proximidade coa persoa con problemas de saúde mental poden achegar moito apoio ao tratamento. Para iso é moi importante que tamén a familia e os coidadores ou coidadoras reciban axuda, asesoramento e información por parte do persoal profesional e os servizos sanitarios e sociais.