Que é

Para a Organización Mundial da Saúde (OMS), a saúde mental defínese como "un estado de benestar no cal a persoa é consciente das súas propias capacidades, pode afrontar as tensións normais da vida, pode traballar de forma produtiva e frutífera e é capaz de facer unha contribución á súa comunidade".

Para a Organización Mundial da Saúde (OMS), a saúde mental defínese como "un estado de benestar no cal a persoa é consciente das súas propias capacidades, pode afrontar as tensións normais da vida, pode traballar de forma produtiva e frutífera e é capaz de facer unha contribución á súa comunidade".

A importancia da saúde mental destácase tamén na definición de saúde que figura na propia Constitución da OMS: "A saúde é un estado de completo benestar físico, mental e social, e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades".

Para coidar a nosa saúde mental, debemos atender:

  • Os hábitos de alimentación: para previr problemas de saúde física e mental, o ideal é ter unha dieta equilibrada.
  • O autocoidado: é dicir, poñer atención á hixiene persoal, a vestimenta, etc.
  • O estilo de vida: debemos potenciar os ritmos tranquilos, gozar das cousas importantes da vida e do tempo de ocio, evitar o estrés e os excesos, fuxir do sedentarismo, etc.
  • O consumo de tóxicos: é importante reducir ou evitar o consumo de substancias tóxicas, tanto legais coma ilegais, para axudar a previr a aparición de problemas de saúde mental.

É fundamental entender os problemas de saúde mental como unha parte da nosa vida e unha circunstancia máis da persoa, e non como un elemento que anula o resto das nosas capacidades.

O trastorno mental é unha alteración de tipo emocional, cognitivo e/ou do comportamento no que quedan afectados procesos psicolóxicos básicos como a emoción, a motivación, a cognición, a conciencia, a conduta, a percepción, a aprendizaxe e a linguaxe, o cal dificulta a adaptación da persoa ao ámbito cultural e social no que vive e crea algunha forma de malestar subxectivo.

É importante saber que os problemas de saúde mental poden tratarse para lograr a recuperación ou permitir que a persoa poida ter unha mellor calidade de vida.

Os problemas de saúde mental responden moi poucas veces a modelos simples de tipo causa-efecto. As súas causas son probablemente múltiples, e nalgúns casos son descoñecidas.

Segundo a Organización Mundial da Saúde, unha de cada catro persoas presenta ou presentará un problema de saúde mental ao longo da súa vida. Aínda que poida haber persoas con máis predisposición xenética que outras, os factores ambientais poden afectar de forma determinante na aparición dos problemas de saúde mental, polo que todos e todas estamos expostos a iso.

En Galicia, hai máis de 80.000 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, sendo esta a segunda causa de discapacidade despois da física. Estes datos, recollidos no censo da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia 2020, revelan que se trata un problema cunha amplísima repercusión, tanto nas propias persoas como nas súas familias e persoas achegadas.

En España, entre o 2,5 e o 3% da poboación adulta ten unha enfermidade mental grave, o cal supón máis dun millón de persoas. Calcúlase que a esquizofrenia afecta a preto do 0,7% da poboación española e o trastorno bipolar ao 0,5%, segundo a Estratexia en Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde (2007). Máis da metade das persoas con problemas de saúde mental que necesitan tratamento non o reciben, e unha porcentaxe significativa non recibe o axeitado. Ademais, as familias asumen a maior parte dos coidados, pois o 88% da atención a este colectivo realízana coidadoras e coidadores informais.

No mundo, a Organización Mundial da Saúde estima que o 25% da poboación terá algún problema de saúde mental ao longo da súa vida. Actualmente, 450 millóns de persoas en todo o mundo vense afectadas por un problema de saúde mental que dificulta considerablemente a súa vida ("Saúde mental: Afrontando os desafíos, construindo solucións". Copenhague: OMS, 2005). Por outra parte, o 38,2% da poboación europea, que representa a 164,8 millóns de persoas, ten algún problema de saúde mental.