Servizos da federación

En Saúde Mental FEAFES Galicia esforzámonos para ofrecer ás nosas persoas usuarias, familiares e persoas achegadas, o asesoramento e os recursos que poidan precisar en diversos eidos. Para iso, contamos cunha serie de servizos gratuítos.
Saúde Mental FEAFES Galicia proporciona ás persoas con problemas de saúde mental, ás súas familias e persoas achegadas, información e asesoramento sobre saúde mental, recursos e servizos que lles poidan resultar de utilidade. Os nosos e as nosas profesionais ofrecen atención individualizada e personalizada.

Dispoñemos dun servizo de asesoramento xurídico para orientar sobre asuntos legais relacionados coa saúde mental: pensións, herdanzas, incapacitacións, problemas penais, laborais, etcétera.

Así mesmo, ofrecemos atención temperá a familiares de persoas con problemas de saúde mental de diagnóstico recente co obxectivo de facilitarlles o manexo das dificultades derivadas da nova situación familiar a través de asesoramento, formación sobre saúde mental, información sobre recursos e apoio emocional.

Saúde Mental FEAFES Galicia tamén presta atención a persoas reclusas con problemas de saúde mental a través do Protocolo de Atención Integral á Enfermidade Mental (PAIEM), que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas internas de terceiro grao con problemas de saúde mental, aumentando a súa autonomía persoal, a súa adaptación á contorna e potenciando as súas capacidades.

A atención á exclusión complétase co Proxecto Inclusión Social: Programa de Atención Integral para Persoas con Discapacidade a causa de Enfermidade Mental, que conta con dúas liñas de traballo: o apoio e acompañamento a persoas con trastornos mentais sen fogar, e o desenvolvemento de habilidades sociais e prelaborais para persoas con problemas de saúde mental.

En Saúde Mental FEAFES Galicia ofrecemos información, asesoramento e apoio á inserción laboral traballando como centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia. Para iso, contamos co Observatorio de Emprego para Persoas con Enfermidade Mental (OEDEM), que ten como misión facilitar a inserción laboral a través de accións de información, orientación, formación, intermediación laboral coas empresas e apoio para a consecución e o mantemento do posto de traballo.

Cabe destacar que Saúde Mental FEAFES Galicia conta coa certificación de Axencia de Colocación nº 1200000022 outorgada polo Servizo Público de Emprego. Neste eido, realizamos intermediación laboral e promovemos as oportunidades e capacidades do colectivo para lograr a inserción de persoas desempregadas con problemas de saúde mental.

As actividades para o disfrute do tempo libre organizadas por Saúde Mental FEAFES Galicia permiten mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental, das súas familias e persoas achegadas. Os e as participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física formulada dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permite un respiro ás familias e persoas achegadas na súa tarefa de coidados.

Ao longo do ano, o Servizo de Ocio e Deportes organiza estancias nunha casa vacacional, viaxes, actividades culturais e programas deportivos. Ademáis, Saúde Mental FEAFES Galicia conta con grupos de ocio que realizan actividades lúdicas en distintas localidades galegas.

A loita contra o estigma e os prexuízos existentes sobre os problemas de saúde mental segue sendo un reto pendente da sociedade actual, polo que Saúde Mental FEAFES Galicia trata de difundir unha imaxe positiva do colectivo entre a cidadanía. Para iso estamos en contacto cos medios de comunicación, elaboramos publicacións, material divulgativo, campañas de sensibilización e difundimos as nosas mensaxes a través das redes sociais. A través do programa Descubre, por exemplo, cada ano realizamos sensibilización sobre saúde mental a centos de mozos e mozas nos institutos galegos.

Ademais, Saúde Mental FEAFES Galicia conta cun Comité en Primeira Persoa formado por usuarios e usuarias da entidade que ten como obxectivo dar voz propia ás persoas con problemas de saúde mental e facelas partícipes das decisións da Federación. O Comité en Primeira Persoa permite crear un marco de diálogo e debate enfocado á consecución de acordos concretos e funciona como órgano asesor da Xunta Directiva, ademais de actuar como voceiro ante os medios de comunicación e a cidadanía xeral.

Saúde Mental FEAFES Galicia está formada por 12 asociacións con centros e servizos en perto de 30 localidades da comunidade autónoma. A Federación é o punto de encontro que as agrupa a todas e tamén o organismo que lles facilita información e apoio técnico.

A misión de Saúde Mental FEAFES Galicia inclúe a representación das asociacións que integran a federación galega. Coa unión do movemento asociativo, temos máis forza á hora de facer chegar as nosas peticións ás diferentes institucións e loitar pola mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental. Ademais, esta unión fainos máis visibles para difundir a nosa mensaxe entre a sociedade.