Servizos das asociacións

Ademáis dos servizos ofrecidos pola Federación, algunhas asociacións contan cunha carteira de servizos máis ampla. 

Se queres saber cal é a asociación máis próxima a ti, pica aquí
As asociacións de Saúde Mental FEAFES Galicia proporcionan apoio e asesoramento ás persoas con problemas de saúde mental, ás súas familias e persoas achegadas, coa fin de atender as necesidades e solicitudes particulares de cada quen. Ademais, contan con actividades específicas para apoiar ás familias e persoas coidadoras para axudalas a manexar dun xeito axeitado a situación derivada da enfermidade do problema de saúde mental.

Os centros de rehabilitación psicosocial e laboral prestan unha atención diúrna, global e multidisciplinar ás persoas con problemas de saúde mental crónicos. Estes centros teñen como obxectivo manter á persoa na súa contorna, promovendo e apoiando a súa integración psicosocial, para que desenvolva unha maior autonomía e independencia. Neles realízanse actividades como adestramento en habilidades sociais, actividades da vida diaria, ocio, psicoeducación, prevención das recaídas, actividade prelaboral, terapia ocupacional, etc. Actualmente, todas as asociacións de Saúde Mental FEAFES Galicia dispoñen de CRPL nas localidades nas que traballan.

Ademais, as asociacións de Saúde Mental FEAFES Galicia dispoñen de centros ocupacionais, un servizo social que pretende lograr, dentro das posibilidades de cada persoa, a superación dos obstáculos que o problema de saúde mental lles supón para a integración social e laboral. Nestes centros realízase terapia ocupacional e actividades para elaborar produtos ou servizos baixo a orientación de persoal técnico, co obxectivo de lograr a futura integración destas persoas nunha empresa ordinaria ou un Centro Especial de Emprego. 

Para as persoas con problemas de saúde mental que non teñen posibilidade de convivir coas súas familias ou de xeito independente, existen tres alternativas de vivenda protexida: os pisos tutelados, as minirresidencias e as residencias. En calquera dos tres casos, as persoas usuarias están atendidas por persoal especializado.

As asociacións de Saúde Mental FEAFES Galicia contan cun servizo de atención a domicilio para que a persoa con problemas de saúde mental poida conseguir a maior independencia e autonomía posible permanecendo no seu entorno máis próximo. Tamén se intervén coas familias para reforzar a súa labor educativa e terapéutica, dotándoas de estratexias coas que afrontar posibles situacións conflitivas.

Os Centros Especiais de Emprego nacen como unha fórmula de emprego para persoas con discapacidade. Neste caso, son empresas onde as persoas con problemas de saúde mental teñen un posto de traballo produtivo e remunerado, axeitado ás súas características persoais e que facilitan a súa integración laboral no mercado ordinario de traballo. 

As actividades de ocio e tempo libre programadas polas asociacións de Saúde Mental FEAFES Galicia para as persoas con problemas de saúde mental permítenlles romper coa rutina diaria, realizar actividade física dende unha perspectiva lúdica e integrarse na sociedade dun xeito normalizado. Á súa vez, estas actividades facilitan un momento de respiro ás familias e persoas achegadas na súa tarefa de coidados.

A través de distintas actividades, as asociacións de Saúde Mental FEAFES Galicia dan a coñecer a realidade sobre os problemas de saúde mental e ofrecen unha imaxe real e integradora das persoas que conforman o colectivo. A participación en eventos de diversa índole, a exposición de produtos, a sensibilización en institutos a través do programa Descubre ou a difusión actividades a través dos medios de comunicación, permiten sensibilizar á sociedade sobre esta realidade.