04/12/2015.

A Xunta analiza liñas para a inserción laboral das persoas con discapacidade



O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo onte en Santiago un encontro co Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (Cermi-Galicia) no marco da rolda de contactos que ven desenvolvendo nas últimas semanas cos principais axentes económicos e sociais, co obxectivo de escoitar as demandas de cada un deles.

O titular de Economía escoitou as inquedanzas e as achegas dos diferentes colectivos integrados en Cermi, entre os que se atopa FEAFES Galicia, e comprometeuse a manter o diálogo e a cooperación en relación ás distintas liñas de colaboración que están a promover a integración plena das persoas con discapacidade no mercado laboral así como a definir novas medidas para continuar a crear emprego estable e de calidade en Galicia. Un dos principais obxectivos cos que traballa a Xunta é, segundo o concelleiro, facer de Galicia unha sociedade cada día máis inclusiva e integradora.

Neste senso, Conde destacou a importancia de seguir a traballar conxuntamente coas entidades sociais que coñecen de primeira man as necesidades das persoas con discapacidade para conseguir a integración plena deste colectivo na sociedade e acadar, polo tanto, unha igualdade efectiva de dereitos e oportunidades, garantindo, deste xeito, o benestar e a calidade de vida das persoas que sofren algún tipo de discapacidade e as súas familias.

Por iso, o conselleiro asegurou que o departamento autonómico seguirá a manter as diferentes liñas de axudas coas que na actualidade estase a apoiar desde o Goberno galego o labor deste colectivo como son axudas á contratación na empresa ordinaria, o programa de emprego con apoio ás persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción laboral ou a liña de axudas para o mantemento dos traballadores e traballadoras dos centros especiais de emprego.

O vindeiro 2016, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará un 5% máis de recursos a este eido. De feito, a nova Axenda de Emprego que o departamento autonómico activará no mes de xaneiro inclúe o compromiso do Goberno galego co fomento do emprego entre as persoas con discapacidade. 

Vía Xunta de Galicia.
Compartir contido