19/05/2021.

Achegámonos a Cee para aprender a buscar traballo a través da Internet

O pasado 13 de maio, unha das orientadoras laborais de Saúde Mental FEAFES Galicia na Coruña, Francisca Pérez, visitou o concello de Cee para realizar unha acción grupal de orientación laboral na que ensinou ás persoas participantes a buscar emprego a través da Internet. Esta acción estivo dirixida a persoas con problemas de saúde mental en situación de desemprego que se atopan inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Durante as 3 horas que durou a xornada, as persoas participantes aprenderon a utilizar as ferramentas necesarias para realizar unha busca de emprego eficaz a través das novas tecnoloxías. A día de hoxe, a Internet é fundamental no proceso de inserción laboral, xa que nos permite acceder a información sobre o mercado laboral, os servizos da Oficina Virtual de Emprego da Xunta de Galicia, coñecer ofertas de traballo, enviar o Currículo Vitae, rexistrarnos en portais de emprego, subscribirnos a boletíns de emprego ou elaborar directorios de empresas do noso interese, entre outras utilidades.

Esta acción enmárcase dentro das actividades de Información, Orientación e Asesoramento para a Busca de Emprego, financiadas pola Consellería de Emprego e Igualdade a través do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). No marco desta subvención, en Saúde Mental FEAFES Galicia contamos con 14 orientadoras e orientadores laborais en toda Galicia, que realizan tanto accións de orientación laboral individual como actividades grupais para dotar ás persoas demandantes de emprego de habilidades e ferramentas que melloren a súa empregabilidade.

A raíz da situación provocada pola COVID-19, comezamos a desenvolver accións telemáticas ademais das presenciais para continuar ofrecendo o servizo de orientación laboral,  adaptándonos así ás restricións existentes en cada momento. As orientadoras e orientadores laborais están ubicados de xeito habitual nas cidades onde Saúde Mental FEAFES Galicia ten delegacións, nomeadamente A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo. Non obstante, con frecuencia desprázanse a concellos limítrofes ou outras zonas próximas á área en cuestión para ofrecer atención a outras persoas que requiran o servizo, como foi o caso do taller desenvolvido en Cee a pasada semana.


Compartir contido