27/07/2022.

Adquirindo ferramentas para o emprego

Só o 17% das persoas cun problema de saúde mental acceden a un emprego. Non obstante, os nosos datos indican que cando existe un servizo especializado detrás ofrecendo apoio, a inserción está preto do 50%

Sabemos que, tanto para as persoas con problemas de saúde mental como para o resto da sociedade, o traballo é un camiño á normalización, unha fonte de identidade, de utilidade e de motivación. Ademais, neste caso, o emprego ten unha función terapéutica, xa que despraza o rol de “persoa enferma” polo de “persoa traballadora”.

Pero a baixa inserción laboral deste colectivo segue a ser unha das principais barreiras par a súa integración social. E débese, en gran medida, aos prexuízos que boa parte do empresariado e da administracións públicas aínda teñen.

En Saúde Mental FEAFES Galicia apostamos por todo tipo de recursos que faciliten a inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental, como a formación laboral, a sensibilización empresarial, as cotas de reserva para persoas con discapacidade e o emprego con apoio.

Por todo isto, durante o período 2022-2023, estamos desenvolvendo o Programa Integrado de Emprego de Galicia para o fomento da empregabilidade das persoas con discapacidade na comunidade, co cal se busca mellorar as opcións de acceso ao emprego das persoas que teñen algún problema de saúde mental.

Durante este programa, que se desenvolver no marco do convenio firmado entre a Consellería de Emprego e Igualdade e o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (Cermi Galicia), trabállase con 131 persoas ao ano (262 no total do proxecto) en toda a comunidade autónoma. Esta colaboración enmárcase nas políticas activas de emprego previstas en Galicia e contempladas no Plan de Recuperación, Recuperación, Transformación e Resiliencia.

A última actividade realizada dentro deste programa foi o obradoiro de Tics aplicadas á busca de emprego, no que participaron 7 persoas con discapacidade por enfermidade mental, desempregadas e inscritas no servicio público de emprego; e o taller Apps para o emprego, con 5 participantes. Ambos obradoiros realizáronse en Santiago de Compostela.

Durante as sesións, que tiveron lugar os días 27, 28 e 30 de xuño, e o 1 de xullo respectivamente; as persoas participantes recibiron formación sobre ferramentas TIC, a elaboración dun CV e unha carta de presentación; aprenderon a desenvolverse polos portais de emprego, redes sociais e outros recursos web útiles para a busca de emprego; e recibiron información sobre o funcionamento da Administración Pública. Tamén adquiriron coñecementos de manexo do teléfono móbil para a busca de traballo, como as vídeochamadas ou as apps de emprego.




Compartir contido