09/04/2021.

Ante a emerxencia social, as entidades galegas pedimos o apoio das persoas contribuíntes



Co inicio da campaña para a presentación da declaración da renda, as ONG galegas, baixo o paraugas de EAPN Galicia, Cermi Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, máis ca nunca, pedimos a colaboración da cidadanía para que marque o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”, o que se coñece como X Solidaria

A emerxencia sanitaria que padecemos dende hai un ano, está facendo máis vulnerables ás persoas que xa o eran antes da pandemia. Cara elas, as ONG galegas destinan programas e servizos necesarios que, para seguir manténdose, precisan do financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF, un orzamento que ás persoas contribuíntes non lles supón ningún custo a maiores e que resulta necesario para a supervivencia de moitos programas de atención ás persoas en exclusión social ou pobreza. 

En Galicia, a campaña de 2020 recadou 19.292.383 euros, unha cantidade aportada polas 735.705 persoas que marcaron a X Solidaria na súa declaración. Comparada coa campaña anterior, foron 19.504 persoas máis as que marcaron a X Solidaria permitindo recadar 1.828.550 euros máis. Como media cada contribuínte aportou 26,22 euros.

Actualmente, son aínda 594.110 persoas contribuíntes as que seguen sen marcar a X Solidaria (un total de 473.691 non marcaron ningún recadro e 120.419 só marcaron o da Igrexa). No caso de facelo, permitirían que a asignación final en Galicia incrementara en 12.984.780 euros ata un total de 32.277.165 euros. 

En palabras de Patricia Blanco, tesoureira de EAPN Galicia (Rede Europea contra a Pobreza), “o IRPF abarca unha gran diversidade de programas. Aquí estamos representadas entidades que loitamos contra a pobreza, pola discapacidade e pola infancia, que vimos desenvolvendo todo tipo de actividades como programas de atención temperá, de inserción laboral, de exclusión social, para a atención a mulleres en situación de violencia machista, programas educativos.... abarcamos múltiples eidos, intentando dar resposta ás necesidades sociais que detectamos dende os nosos colectivos”. Blanco destacou igualmente o incremento de demandas detectado dende o inicio da pandemia: “xa viñamos atendendo a un gran número de poboación á que debemos seguir prestando servizos, pero agora súmanse novos perfís en situación de exclusión social, aos que debemos de prestar axuda antes de que se cronifique a súa situación”.

Pola súa banda, o presidente do CERMI Galicia, Luciano Fernández, resaltou que “no ámbito da discapacidade estamos a observar un incremento do empobrecemento en xeral. Moitas familias quedaron sen recursos e estamos a ver como se agravan doenzas e se ralentizan recuperacións funcionais que precisan moitas persoas con discapacidade”.

Finalmente, Xesús Vilas, presidente da Plataforma pola Infancia de Galicia, destacou “o aumento dos nenos e nenas que se atopan en risco de exclusión social. As familias teñen cada vez máis problemas para chegar a fin de mes, e iso tradúcese nun incremento das necesidades de moitos nenos e nenas, que por desgracia seguirán a incrementarse de non contar cos apoios necesarios”.

emerXencia SOLIDARIA

O Terceiro Sector galego presentou onte na Praza da Quintana a campaña do X Solidario que, coas medidas sanitarias pertinentes, reuniu a 20 persoas con globos nos que podían lerse “Emerxencia Solidaria”, unha situación agravada coa pandemia. Ante a prevista diminución da recadación do imposto da renda derivada da crise económica, as entidades lanzaron un “chamamento de auxilio” durante a lectura dun manifesto. 

Nestes días, profesionais e voluntarias de moitas ONG prestan un servizo esencial na loita contra a COVID-19 e seguirán a facelo cando remate a pandemia, apoiando ás persoas máis vulnerables e defendendo os seus dereitos. Un traballo que é posible, en grande parte, grazas a todas as persoas contribuíntes que marcan o X Solidario na súa declaración da renda.
As entidades sociais lembraron que “somos un servizo esencial” que estivo en primeira liña  apoiando e defendendo os dereitos das persoas máis vulnerables, por iso piden o apoio para “contribuír ao funcionamento das entidades que defendemos os dereitos da cidadanía”. 

Para rematar, as entidades de acción social galegas queren recordar que “marcando o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, NIN pagamos máis NIN imos recibir menos cartos no caso das devolucións, e podemos contribuír á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan”.

Asegurar o traballo para as persoas e non a burocracia

As redes e organizacións que impulsamos esta campaña, cremos fundamental  manter a  filosofía destes fondos de acción social que dende hai tres anos xestiona a Xunta de Galicia. 

É preciso evitar a dispersión e a burocracia a través a través da xestión dos fondos por un único departamento: a Consellería de Política Social, así como seguir garantindo que no último trimestre do ano sexa comunicada a resolución e ingresados os cartos para poder poñer en marcha e sobre todo dar continuidade aos programas que desenvolvemos.

Máis información: www.xsolidaria.org
Compartir contido