08/07/2022.

Asociación Andaina sensibliza sobre o suicidio coa lectura

Galicia ten unha taxa de 13,11 suicidios por cada 100.000 habitantes, case o dobre da media nacional que é do 7,79%, e por encima do 11,93% europeo, segundo a Memoria 2020 do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga). Unha realidade da que apenas se fala porque aínda se considera tabú na sociedade actual.

Traballar na sensibilización e prevención é unha necesidade que se vén demandando para poder afrontar o preocupante incremento de suicidios na nosa comunidade.

Andaina, asociación que forma parte de Saúde Mental FEAFES Galicia, conta cun programa específico de prevención de suicidio que se desenvolve na comarca de Ordes desde o 2020 e na comarca de Ulla-Sar desde 2021. Este programa pretende abrir o debate en torno a un problema que ven incidindo notablemente na comunidade, así como ofrecer acompañamento e ferramentas aos profesionais e persoas vulnerables ou achegadas para abordar este problema.

O proxecto estrutúrase en tres liñas de acción: formación a profesionais do ámbito socio-sanitario, intervención con persoas e grupos vulnerables: e información e sensibilización social sobre a prevención da conducta suicida.

Dentro desta última liña, Andaina leva a cabo diferentes accións na comunidade co obxectivo de dar difusión ás actuacións do programa e de camiñar cara a redución do estigma social e cultural asociado ao suicidio.

Unha desas accións consiste en organizar puntos de lectura permanentes sobre o suicidio en colaboración coas bibliotecas municipais da Comarca de Ordes e Ulla-Sar. Estes puntos de lectura están dotados cun mínimo de 5 títulos de obras que abordan a temática de forma específica, material de difusión do programa e información e recomendacións para a prevención do suicidio.

Co fin de dinamizar estes puntos, desenvólvense obradoiros de lectura para persoas adultas onde se comentan fragmentos destas obras e outras que se consideren. O obxectivo é contribuír a desmitificar a conducta suicida e crear espazos de discusión que faciliten a comunicación das persoas e familias que se poidan ver afectadas.

Neste 2022, as bibliotecas colaboradoras con esta iniciativa da Asociación Andaina son as Bibliotecas Municipais de Ordes, Oroso, Dodro e Padrón. Os puntos de lectura estarán en funcionamento desde o mes de xuño hasta principios do mes de outubro. A través das redes sociais de Andaina pódese facer un seguimento das datas nas que terán lugar os obradoiros de lectura (Andaina Pro Saúde Mental en Facebook e @andaina_prosaudemental en Instagram).



Compartir contido