27/01/2021.

CERMI Galicia e a Xunta colaboran para poñer fin á discriminación das mulleres con discapacidade

A Comisión da Muller do CERMI Galicia e a Xunta de Galicia colaborarán dunha maneira “fluída” e “constante” para poñer fin á discriminación das mulleres con discapacidade. Así se puxo de manifesto nunha reunión virtual mantida entre a Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, e as integrantes da Comisión da Muller do CERMI Galicia, entre as que se atopa Saúde Mental FEAFES Galicia.

Nesta reunión, púxose sobre a mesa a necesidade dunha colaboración entre ambas institucións para paliar esta secuela debido a que, segundo CERMI Galicia, “a discriminación que sofren as mulleres polo feito de selo, vese agravada no caso das mulleres con discapacidade e aínda máis cando se atopan no ámbito rural”

Ademais, durante o encontro, tamén se informou sobre o traballo que está a facer a Comisión da Muller do CERMI Galicia para organizar unha xornada conmemorativa o próximo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, que terá lugar o 4 do mesmo mes e que contará coa presenza da Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, quen manifestou o seu apoio a este encontro. 

Pola súa banda, López Abella propuxo establecer un constante diálogo para “apoiar e despexar todas as dúbidas” sobre as distintas problemáticas poidan ter as asociacións integradas no CERMI Galicia desde a perspectiva de xénero, ademais de expor a posibilidade de realizar un encontro periódico entre ambas.

Por último, acordouse propoñer a incorporación do colectivo de mulleres do CERMI Galicia ao Observatorio Autonómico de Violencia de Xénero e a outros órganos colexiados e participativos.


Compartir contido