11/08/2022.

Camiño ao emprego


A inserción laboral é un factor fundamental no proceso de integración e normalización das persoas con problemas de saúde mental. Pero non sempre é doado acceder a un emprego. Por iso, desde Saúde Mental FEAFES Galicia, buscamos favorecer o seu achegamento ao mercado laboral.

Dentro do Programa Posta a Punto para o Emprego, financiado pola consellería de Economía, Emprego e Industria, os usuarios e usuarias poden acceder a prácticas non laborais. Isto permítelles recuperar o contacto co emprego e adquirir as competencias necesarias para acceder a un posto de traballo.

Facilitar o acceso a un entorno laboral real ten como beneficio que a persoa usuaria se forme e coñeza as necesidades específicas dese posto de traballo. Ademais, para aquelas persoas que levan un tempo afastadas do mundo laboral, é unha oportunidade de retomar o contacto e reactivar o seu perfil de empregabilidade.

A este xeito, un dos usuarios do Programa de Posta a Punto para o Emprego comezou en xaneiro do 2022 unhas prácticas laborais. Durante esta experiencia puido ter un primeiro contacto co mundo laboral e formarse nun ámbito do seu interese.

Noutro caso, un dos participantes retomou o contacto laboral no sector da panadería e pastelería a través dunhas prácticas non laborais. Mellorou as habilidades que xa adquirira na súa experiencia previa e puido formarse nas novas técnicas.

Pero a finalidade última destas prácticas non laborais é que os usuarios e usuarias poidan acceder a un emprego. Como exemplo, unha das participantes deste programa comezou en outubro do pasado ano unhas prácticas non laborais nunha residencia de maiores. Aínda que non tiña experiencia neste posto en concreto; mostrou unha gran motivación e unhas boas aptitudes o que derivou nun contrato temporal de 6 meses a xornada completa e, posteriormente, nun contrato indefinido.

Programas específicos coma este, permiten aumentar en gran medida as opcións de inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental. Un colectivo cunha taxa de ocupación extremadamente baixa.
Compartir contido