27/05/2021.

Cara a inclusión sociolaboral de persoas en grave risco de exclusión

Entre os diversos programas que desenvolve Saúde Mental FEAFES Galicia, atópase o proxecto “Inclusión Social: Atención Integral a Persoas con Discapacidade por Enfermidade Mental”, que está cofinanciado pola Consellería de Política Social, o Fondo Social Europeo e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020.

No marco deste programa, existe unha liña de actuación orientada a deseñar itinerarios de inclusión sociolaboral con acompañamento e transición ao emprego para persoas sen fogar ou en grave risco de exclusión social e con enfermidade mental. Así, un total de 30 persoas de A Coruña, Santiago, Ourense e Pontevedra están a participar neste proxecto que ten un ano e medio de duración.

A través deste itinerario, proporcionamos atención directa a persoas desempregadas con problemas de saúde mental en situación de senfogarismo ou en grave risco de exclusión social.  O apoio ofrecido non se limita só a cuestións asociadas directamente á inclusión laboral, como poden ser accións de orientación ou adestramento en habilidades prelaborais, senón que tamén se ofrece un acompañamento social que favoreza unha estabilidade socioeconómica aceptable para as persoas máis vulnerables. 

Polo xeral, as persoas sen fogar ou en situación de exclusión severa vense afectadas por múltiples factores e, en moitas ocasións, carecen de apoio familiar e dunha rede social de calidade. Adoitan ser persoas que dende fai tempo e de xeito continuado atravesan importantes problemas económicos, psicolóxicos, de saúde, relacionais... e que ademais teñen unha especial dificultade ou resistencia para acceder ou manterse nos sistemas de protección (sanidade, servicios sociais ou emprego, por exemplo).

Por iso, no marco deste programa, estamos a desenvolver diferentes accións formativas de curta duración, tanto en sesións individuais como en grupos reducidos, que favorezan a adquisición de habilidades e competencias que melloren a empregabilidade das persoas participantes, buscando sempre a adaptación ás necesidades específicas de cada unha delas.

Tamén realízanse actuacións de acompañamento social que permitan acadar certa estabilidade residencial, ingresos económicos de carácter regular, fomentar a participación social e o coñecemento dos seus dereitos por parte das persoas participantes. Igualmente, realízanse acompañamentos que propician a achega ao sistema de saúde, buscando sempre a estabilidade e traballando na prevención xeral mediante a adquisición de hábitos saudables.

A fin última deste itinerario de Inclusión Social é, por tanto, ofrecer un apoio personalizado a través dunha intervención baseada na persoa, con obxectivos específicos nas diferentes áreas (social e laboral), consensuados entre as persoas participantes e as profesionais de referencia. Así favorecerase a integración sociolaboral de persoas demandantes de emprego e en situación de especial vulnerabilidade ou risco de exclusión social.




Compartir contido