10/02/2021.

Comezamos a poñernos a punto para o emprego!

Durante as últimas semanas, as distintas delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia realizaron as presentacións grupais do programa Posta a Punto para o Emprego, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. 

Neste primeiro encontro, que foi presencial no caso dalgunhas delegacións e telemático noutras, as persoas participantes puideron coñecerse entre si, coñecer ao técnico ou técnica que os acompañará durante o proceso, e coñecer as accións que se levarán a cabo durante os vindeiros meses no marco deste programa.

Partindo da análise da situación persoal, familiar e social de cada persoa participante, elaborarase un itinerario personalizado de inserción que contemple a intervención psicosocial, a orientación sociolaboral, a formación ocupacional, prelaboral e laboral, a prospección do mercado laboral e a procura activa de emprego.

Nalgunhas cidades xa se realizaron tamén os primeiros obradoiros formativos, como o de “motivación e técnicas de busca de emprego” celebrado en Vigo entre o 11 e o 13 de xaneiro. Estas accións permiten que as persoas participantes coñezan a situación do mercado de traballo, as competencias profesionais e persoais que se precisan para acceder a un posto de traballo concreto e os recursos dos que dispoñen para impulsar a busca de emprego. Deste xeito, cada persoa poderá elaborar un proxecto profesional persoal de cara á súa propia inserción laboral.

Posta a Punto para o Emprego

O programa Posta a Punto para o Emprego é un proxecto novo que pretende mellorar a empregabilidade de 50 persoas con problemas de saúde mental perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) ou do Ingreso Mínimo Vital. 

O seu obxectivo principal é lograr que o 20% das persoas participantes acaden un emprego de 6 ou máis meses de duración, cunha xornada laboral mínima do 75% e que lles permita levar unha vida autónoma. Ao longo dos dous anos que durará o programa, realizaranse unha serie de actuacións que van desde a fase de información e acollida ata un seguimento posterior á súa finalización. 


Compartir contido