06/04/2021.

Conversamos con alumnos da UDC sobre a saúde mental en tempos de pandemia

Ao longo do mes de abril, a psicóloga de Saúde Mental FEAFES Galicia, Cristina Rivas, realizará unha serie de charlas ao alumnado da Universidade da Coruña para falar do coidado e a promoción da saúde mental no contexto da COVID-19 que estamos a vivir.

Trátase dunha actividade organizada no marco do convenio de colaboración entre Saúde Mental FEAFES Galicia e a devandita universidade, a través da UDC Saudable, mediante o cal ambas entidades comprométense a traballar conxuntamente no fomento da saúde mental entre a mocidade e o estudantado universitario da Coruña.

As charlas realizaranse os días 7, 15 e 20 de abril e irán dirixidas ao alumnado do Espazo Compartido, a Escola de Deseño Industrial e a Universidade Senior, respectivamente. Todas terán unha duración dunha hora e realizaranse a través da plataforma Microsoft Teams.

Nestas xornadas, o estudantado recibirá información sobre a saúde mental no ámbito académico da UDC, falarase da promoción da saúde mental positiva en épocas de restricións e resolveranse dúbidas sobre a abordaxe de diferentes situacións que se poden dar no contexto pandémico que estamos a vivir: manexo do estrés, tolerancia á frustración, xestión emocional, etc.

As persoas que asistan ás charlas aprenderán tamén hábitos xerais para o coidado da saúde mental, do mesmo xeito que poderán identificar factores de risco. Falarase igualmente das emocións nas distintas fases da pandemia (confinamento, desescalada, rebrotes...) e de como protexer a nosa saúde mental ante a incertidume, a sobreinformación ou o illamento.

Cómpre sinalar tamén que, no marco do convenio de colaboración entre as dúas entidades, Saúde Mental FEAFES Galicia ofrece de xeito continuado información e asesoramento sobre saúde mental ao alumnado da Universidade da Coruña.


Compartir contido