09/12/2015.

Cursos de motivación para a busca de emprego



Durante os próximos meses, un grupo de usuarios de FEAFES Galicia participarán nuns cursos de Motivación e Técnicas para a Procura de Emprego que terán lugar nas cidades nas que a Federación ten oficinas: A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago. Estas accións formativas enmárcanse dentro do "Proxecto Inclusión Social: Programa de Atención Integral para Persoas con Discapacidade por mor de Enfermidade Mental", que conta cunha liña de actuación centrada no desenvolvemento de habilidades sociais e prelaborales para persoas con enfermidade mental.

Estes cursos terán unha duración de 44 horas que se dividirán en sesións de 4 horas durante 11 días. Neles, os usuarios poderán coñecer a situación do mercado de traballo e as características do emprego que busca cada participante, as competencias profesionais e persoais que lle facilitan o acceso e as técnicas e recursos dos que dispón para este fin, de maneira que poida elaborar un proxecto profesional e persoal para a propia inserción laboral. 

O obxectivo xeral deste proxecto no eido da promoción do emprego é poñer en marcha un sistema de intervención baseado no asesoramento, acompañamento, formación e orientación laboral de persoas con enfermidade mental que sexan demandantes de emprego e estean en situación especial de vulnerabilidade ou risco de exclusión social. Este programa pretende favorecer a integración sociolaboral destes usuarios mediante o deseño de itinerarios individualizados para cada un deles.

O Proxecto de Inclusión Social está subvencionado pola Dirección Xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa Operativo FEDER/FSE de Galicia 2014-2020, Eixe 2 e tema prioritario 70 -71, no seu obxectivo 9 “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”, cunha taxa de cofinanciamento do 80%.

Compartir contido