04/11/2021.

EMPRÉGANOS, unha campaña de sensibilización para o empresariado

O Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia vén de lanzar a campaña EMPRÉGANOS, unha iniciativa que ten como finalidade sensibilizar e concienciar ao empresariado sobre os beneficios de contratar a persoas con problemas de saúde mental.

Segundo explica o propio Comité, “o noso colectivo ten a taxa de emprego máis baixa de todas as discapacidades, arredor do 15%. Con esta campaña queremos insistir en que as persoas con problemas de saúde mental somos capaces de traballar e, ademais, queremos facelo”. 

Por iso, o público ao que vai dirixida a campaña é o empresariado, que é quen ten a derradeira palabra á hora da contratación. Así, a iniciativa consta dunha serie de vídeos nos que aparecen distintos empresarios que explican, en primeira persoa, a súa experiencia empregando a persoas con problemas de saúde mental.

“Son persoas que che aportan espírito de sacrificio, traballo, disciplina, e sobre todo que loitan por saír adiante cada día”; “Contratar a estas persoas faiche, non soamente ante un mesmo senón ante os demais, derrubar todo tipo de prexuízos”; “Isto converte á nosa empresa nunha empresa cun especial valor social”... son algúns dos testemuños que se desprenden destes vídeos, que se poderán ver ao longo dos vindeiros días na canle de Youtube e nas redes sociais de Saúde Mental FEAFES Galicia. 

Con esta campaña, o Comité quere loitar contra os prexuízos que existen no eido laboral cara as persoas con problemas de saúde mental, facilitando certezas e confianza para favorecer a súa contratación e poñendo de manifesto a faceta social e terapéutica que ten o traballo. 

O Comité en Primeira Persoa agradece a colaboración do Instituto da Familia, Ferrovial e Grupo San Froilán, valorando a súa aportación na loita contra o estigma que sofren as persoas con problemas de saúde mental e favorecendo a súa inclusión social.

VER VÍDEO DA CAMPAÑA

O Comité en Primeira Persoa, un espazo con voz propia

O Comité Galego en Primeira Persoa é un órgano que dá voz ás persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións, conformando un marco para o diálogo e a posta en marcha de accións concretas que permitan avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades para as persoas con problemas de saúde mental.

Foi constituído en novembro de 2017 e actualmente conta con seis membros procedentes de diversos lugares de Galicia. A través de reunións mensuais, o Comité convértese nun espazo de intercambio de información e inquedanzas onde as persoas integrantes tratan temas vinculados á saúde mental que lles afectan e lles preocupan.


Compartir contido