15/01/2016.

Formación no Chuac para atender a exclusión social



O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña acolleu onte un curso para axentes sociais comunitarios sobre a abordaxe de persoas con problemas de saúde mental e exclusión social, organizado polo Servizo de Traballo Social e o Servizo de Psiquiatría da EOXI A Coruña.

Este curso enmárcase dentro dun programa formativo realizado en colaboración con distintas entidades que prestan atención ás persoas sen fogar na zona da Coruña, como como Apem, Cruz Vermella, FEAFES Galicia, IBS Pai Rubinos, Cociña Económica, Albergue Sor Eusebia, Aclad e a Asociación de Exalcohólicos. 

Na sesión de onte participaron máis de 100 profesionais do ámbito social entre os que se atopaban 2 compañeiros de FEAFES Galicia e 4 da asociación Apem. Impartida polo psiquiatra carballés e coordinador do Hospital de Día de Psiquiatría, Juan Carlos Díaz del Valle, nesta sesión informouse sobre os recursos que existen para atender ás persoas sen teito con enfermidade mental, ademais de falar da evolución da saúde mental e os principios que a fundamentan hoxe en día.

O de onte foi o primeiro curso deste programa formativo, que se prolongará ata finais de maio e comprenderá un total de 10 sesións. O seu obxectivo é servir de soporte aos equipos profesionais comunitarios promovendo un mellor coñecemento dos servizos sanitarios e sociosanitarios no ámbito da saúde mental, facilitando o acceso aos mesmos e contribuíndo á súa adecuada utilización para previr, deste xeito, o deterioro grave dos pacientes crónicos e o risco de exclusión social.

Compartir contido