22/03/2021.

Formamos ao profesorado galego en saúde mental

No marco do Plan de Formación ao Profesorado Galego 2020/2021 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Saúde Mental FEAFES Galicia está a participar en diversas xornadas dirixidas a informar e sensibilizar ao profesorado dos centros educativos galegos sobre saúde mental e a súa abordaxe no ámbito escolar.

Concretamente, o pasado 15 de febreiro, a psicóloga de Saúde Mental FEAFES Galicia, Cristina Calderón, participou no “programa de formación en atención á diversidade para especialistas do departamento de orientación” impartindo unha sesión en liña sobre necesidades educativas derivadas dos problemas de saúde mental. 

Nesta xornada participaron máis de 200 orientadores e orientadoras de centros educativos galegos, que puideron achegarse á realidade da saúde mental aprendendo a identificar factores de risco e de protección, adquirindo ferramentas para detectar de xeito precoz os problemas de saúde mental no ámbito familiar, ou aprendendo que información cómpre transmitir ás familias e persoas achegadas cando se dá unha situación deste tipo.

Tras a intervención de Cristina Calderón, os profesionais da asociación DOA Saúde Mental falaron de como intervir cos mozos e mozas que desenvolven un problema de saúde mental, eido que traballan no seu Programa de Intervención Precoz en Psicose.

Esta xornada formativa realizarase novamente o 22 de marzo, esta vez dirixida ao profesorado de primaria e secundaria. A raíz da sesión realizada o pasado mes de febreiro, Saúde Mental FEAFES Galicia recibiu diversas consultas de orientadores e orientadoras dos centros educativos solicitando información, intervención e mesmo formación tanto para o alumnado como para as familias.

O obxectivo destas xornadas é informar, formar e sensibilizar sobre os problemas de saúde mental, dar a coñecer os servizos que Saúde Mental FEAFES Galicia ten a disposición da cidadanía para atender este tipo de situacións e mellorar o coñecemento e as habilidades do profesorado e do persoal de orientación á hora de atender as necesidades en materia de saúde mental que poida ter o alumnado dos centros educativos.


Compartir contido