09/11/2021.

Juntos Somos Capaces: un encontro virtual con empresas de Lugo

Fundación MAPFRE presentou hoxe unha acción de empregabilidade dentro do seu programa social de emprego Juntos Somos Capaces, dirixido a fomentar a contratación e a formación en persoas con discapacidade intelectual e con problemas de saúde mental que se atopan na procura de emprego.

A través deste programa, oito persoas con problemas de saúde mental realizaron prácticas laborais este ano en distintas empresas de Lugo. Grazas a elas é posible axudar aos mozos e mozas a enfocar o seu futuro profesional e a mellorar as súas habilidades sociais, así como promover a integración de colectivos que se atopan en situación de vulnerabilidade e en risco de exclusión social. 

Raúl Pardo, xestor do devandito programa en Galicia, e Carina Fernández, representante de Saúde Mental FEAFES Galicia, animaron ás empresas lucenses a que se sumen a este proxecto, que desde 2010 fixo posible que máis de 4.800 persoas con discapacidade intelectual ou problemas de saúde mental, 541 de Galicia, lograsen un posto de traballo e o desenvolvan con plena autonomía.

As empresas participantes no acto destacaron a boa experiencia que tiveron ao incorporar nos seus cadros de persoal a persoas con problemas de saúde mental, a quen, segundo indicaron, seguirán ofrecendo formación e unha oportunidade de emprego. Asimesmo, tamén escoitamos testemuños de persoas que tiveron a ocasión de achegarse ao mundo laboral a través deste programa.

Javier Barreiro, representante de Fundación MAPFRE na zona, fixo referencia ás 156 persoas inseridas en Lugo ao longo dos últimos anos.

Durante o encontro, Barreiro destacou que “este programa representa unha magnífica oportunidade para apoiar a aqueles colectivos que máis dificultades atopan á hora de acceder a un posto de traballo, así como fomentar o emprego estable destas persoas, contribuír a que se sintan útiles na sociedade, algo que sen dúbida xera maior igualdade de oportunidades e redunda nun beneficio para a sociedade”.


Compartir contido