08/10/2021.

Lenda preside o podio do campionato de Tenis de Mesa



O pavillón Campo da Serra de Narón foi, este venres, escenario do XI Campionato de Tenis de Mesa organizado pola asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal coa colaboración da federación Saúde Mental FEAFES Galicia. Tratouse dun encontro lúdico e deportivo no que participaron catro entidades galegas de saúde mental: Alba, Doa, Lenda e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal.

O torneo comezou ás 10:00 da mañá e foi ao redor das 14:00 cando se proclamou campión Jaime Viqueira, pertencente á asociación Lenda de Redondela. O segundo lugar ocupouno Diego Agís da asociación Alba de Pontevedra, mentres que o terceiro posto foi compartido entre Guillermo Rodal, de Doa, e Nicolás Rey, de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal. 

Os trofeos, realizados no taller de madeira da asociación e que cada ano espertan gran expectación, foron entregados por José Oreona, concelleiro de Deportes de Narón, e Catalina García, concelleira de Participación Cidadá e Benestar Social de Narón. O discurso de clausura, pola súa banda correu a cargo de Félix Pena, presidente da asociación anfitrioa. A maiores dos trofeos que recibiron os campións, todos os asistentes foron agasallados cunha medalla para premiar a súa participación. 

Cómpre destacar a colaboración do Concello de Narón, o Club Tenis de Mesa Cidade de Narón e o Club Narón de Tenis de Mesa na organización desta actividade, así como o patrocinio de Gadis, Drop In e Maruxas de Nata.

O obxectivo do Campionato de Tenis de Mesa é promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, as asociacións de Saúde Mental FEAFES Galicia mostran á sociedade a imaxe máis normalizada das persoas con problemas de saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se lles asocian.
Compartir contido