07/07/2022.

Memoria de actividades 2021

Xa está dispoñible para a súa consulta a nosa memoria de actividades correspondente ao ano 2021. O fin deste documento é visibilizar as accións realizadas a favor das persoas con problemas de saúde mental, as súas familias e persoas achegadas. A entidade cumpre así co seu compromiso de transparencia e pon ao alcance de todo o mundo o balance económico do ano e os detalles sobre a xestión realizada.

O 2021 foi un ano de recuperación paulatina da normalidade estando aínda marcado pola Covid-19 e sobre todo, polos cambios que esta supuxo e cuxas consecuencias seguiremos a notar nos próximos anos.

Entre estas consecuencias atópase o aumento dos problemas de saúde mental na poboación. Coa pandemia sacouse á luz a necesidade de afondar nos problemas de saúde mental e abordalos de maneira rigorosa, dende a saúde pública, da mesma forma que se fixo co virus.

Neste ano demos resposta a máis de 1.200 chamadas telefónicas, e facilitamos información, asesoramento e apoio a 1.795 persoas para a resolución de problemas de todo tipo. A Asesoría Xurídica, pola súa banda, orientou a 214 persoas sobre asuntos legais relacionados coa saúde mental. Todo isto fíxonos coñecer máis a fondo as necesidades das persoas usuarias. Comprobamos tamén que durante estes anos o colectivo demostrou unha gran resiliencia o que axudou a cambiar miradas e prexuízos aínda existentes.

O 2021 foi un ano de consolidación de proxectos. Seguimos considerando o acceso e mantemento do posto de traballo un dos piares fundamentais para a inserción e a independencia das persoas con problemas de saúde mental. Este ano, a través do servizo de Inserción Laboral e Emprego recibiron orientación laboral un total de 1.233 persoas, logrando que 571 usuarios e usuarias accedesen ao mundo laboral a través de 834 contratos. Fomentouse tamén o acceso á practicas non laborais das que se beneficiaron 65 persoas, e fixemos visitas a 323 empresas, o que nos permite seguir tecendo aliados na rede.

O pasado ano potenciamos tamén o traballo de Acción Social.  O noso Programa de Inclusión social traballou con 30 persoas con problemas de saúde mental en situación especialmente vulnerable. No Programa de Par en Par, acompañamos a 27 persoas con problemas de saúde mental ofrecéndolles unha atención personalizada, mellorando as súas competencias e intentando implicar as familias e persoas achegadas neste proceso para afastalos da exclusión. Especificamente en Santiago, o Programa de Atención a Persoas en Risco de Exclusión atendeu a 341 persoas. Actuamos tamén en centros penais co Programa de Atención Integral a Persoas con Enfermidade Mental a través das asociacións, que atenderon a un total de 130 persoas.

Unha das nosas misións é crear espazos onde as persoas con problemas de saúde mental poidan relacionarse nun entorno seguro, crear lazos, exercitarse e desfrutar do seu entorno coma tódalas persoas. O pasado ano 366 persoas participaron dos clubs de ocio do servizo de Lecer e Deportes. Ademais contamos cunha casa vacacional en Miño e outra en Vimianzo onde se realizaron estancias de fin de semana, organizouse unha viaxe a Lanzarote e percorremos, un ano máis, o Camiño de Santiago, que o pasado ano contou con 27 peregrinos e peregrinas.

Desde Saúde Mental FEAFES Galicia somos moi conscientes de que aínda queda moito que traballar para loitar contra a desinformación e o estigma que aínda persegue ás enfermidades mentais. Por iso, desde o servicio de Comunicación facemos difusión constante dos nosos programas e actividades. Tivemos 114 aparicións en medios informando, sensibilizando e reclamando dereitos para as persoas con problemas de saúde mental. Reivindicamos a atención da saúde mental dende o rural, a atención especial ás mulleres con problemas de saúde mental; e facemos unha importante labor de información, sensibilización e prevención nos institutos. A través do programa Descubre achegámonos a 519 estudantes para falar de saúde mental.

Pero non poderíamos desenvolver a nosa labor sen o traballo de todas as entidades que formamos parte do movemento asociativo. Desde Saúde Mental FEAFES Galicia, levamos a cabo accións dirixidas a potenciar a calidade e unidade das súas entidades membro, tratando de mellorar a identidade institucional. Facendo tamén un traballo de comunicación entre a entidade e as administracións e lograr así melloras lexislativas e financiamento que redunden no incremento da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias.

Podes ler en profundidade a Memoria 2021 aquí.

Compartir contido