05/03/2021.

O CERMI Galicia visibiliza ás mulleres con discapacidade e coidadoras

A Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella e o presidente do CERMI Galicia, Luciano Fernández, presentaron a xornada “Mulleres con discapacidade coidadoras” organizada pola Comisión da Muller do CERMI galego.  

Durante a súa intervención, o presidente do CERMI Galicia, Luciano Fernández deu a benvida a tódalas asistentes e agradeceu á Secretaria Xeral de Igualdade, Susana Lopez Abella, a súa permanente interlocución coa Comisión do CERMI Muller que sempre apoia este tipo de actos.  

Luciano Fernández comezou a súa intervención falando dunha unión que parece inseparable: a de muller e coidados. “Cando falamos de mulleres e coidados parece que estes dous conceptos foran sempre unidos, como se fose un rol que ven predeterminado para tódalas mulleres, e que debera ser aceptado sen máis. Imaxinade entón cando falamos das mulleres coidadoras con discapacidade. Nestes casos, o rol de coidadora tórnase aínda máis complexo, e condena á muller a una dobre discriminación”, indicou. 

Neste sentido, o presidente do CERMI galego quixo resaltar a necesidade de que haxa vontade para cambiar esta realidade: “podemos falar de que existen ferramentas legais que poden tratar de cambiar esta situación, pero por moitas ferramentas que poñamos, se non hai vontade de cambiar é moi difícil que a situación mellore”

Antes de rematar a súa intervención, Luciano Fernández puxo o acento sobre a anomalía que supón que sexa un home o que se dirixa a un foro tan específico “ponse aquí de manifesto que a muller aínda non acadou as cotas necesarias de representación, especialmente en cargos directivos. Considero que isto é unha anomalía, e espero que poda corrixirse pronto”. A súa quenda rematou cunha chamamento a que tódalas administracións, poderes públicos e sociedade apoien as medidas necesarias para que a situación de mulleres e nenas con discapacidade cambie radicalmente. 

Pola súa banda, a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, incidiu na necesidade de actualizar o último informe elaborado polo Consello Galego das Mulleres dedicado precisamente á muller con discapacidade: “en pouco tempo, o informe quedou obsoleto, e debemos levalo novamente ao Consello Galego para actualizado, pois neste informe fálase das mulleres e das nenas; da necesidade de empoderalas, de formalas, de darlles acceso en igualdade de oportunidades ao ámbito de educativo….  pero hoxe traedes aquí un tema que estaba invisibilizado: as mulleres con discapacidade coidadoras. Temos un reto por diante, pero vendo este informe do ano 2015, vexo que nos últimos anos temos avanzado moito, e  polo tanto póñome á vosa disposición para continuar traballando”.

Finalmente, López Abella tivo unas palabras para as mulleres do rural, “pois se falamos de ámbitos rurais aínda continúan a aumentar estas desigualdades. É fundamental ter un dialogo fluído e constante sobre esta realidade”

Na seguinte mesa, as intervencións das mulleres coidadoras, entre as que se atopaba Mar Piñeiro, presidenta de Fonte da Virxe e nai de dous fillos con discapacidade, quedaron resumidas en 8 ítems básicos que resumen a situación dun colectivo invisibilizado socialmente:

  1. O papel de coidadora segue a recaer sistematicamente sobre as mulleres. 
  2. As mulleres coidadoras vense na obriga de renunciar a un emprego, salario, estudos… A etapa de coidadora dura toda unha vida. 
  3. É común que estas mulleres perdan a súa vida social e amizades, quedando illadas.  
  4. Ser coidadora é una profesión non remunerada nin recoñecida. Non ten horarios nin condicións. 
  5. En moitos casos, non se entenden (nin se atenden) as queixas das coidadoras, negándose a existencia de depresións, demencias e todo tipo de problemas derivados do traballo de coidadora. 
  6. O esgotamento da coidadora pode converterse nunha nova enfermidade. Quen coida á coidadora?
  7. Só recentemente puxéronse en marcha algúns programas de respiro, que son claramente insuficientes. 
  8. O traballo das coidadoras a tempo completo supón un impresionante aforro para as Administracións, pois deixan en mans das mulleres a atención domiciliaria. Canto costaría atender nun so día a todas as persoas con discapacidade dependentes que actualmente están a coidar moitas mulleres na casa?

Finalmente, a xornalista Isabel Quintairos, membro do Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia, quixo rematar facendo un chamamento: “Hai que coidar ás coidadoras. Hai que relevar ás coidadoras. E algún día, haberá que pagar ás coidadoras”.


Compartir contido