12/01/2022.

O alumnado de Psicoloxía, involucrado no coñecemento e a abordaxe do suicidio

Recentemente, unha representación do alumnado de 4º curso de Psicoloxía da USC contactou con Saúde Mental FEAFES Galicia para solicitar formación sobre prevención e intervención en suicidio. Con esta solicitude, pretendían suplir as carencias nesta materia detectadas por eles e elas mesmas ao longo da súa formación universitaria. Aproveitando o interese sobre este tema, decidiron incluílo como proxecto de traballo na materia de Intervención Social e Comunitaria.

Deste xeito, a psicóloga de Saúde Mental FEAFES Galicia, Belén Uzal, impartiu unha sesión formativa o pasado 2 de decembro na facultade de Psicoloxía de Santiago de Compostela sobre sensibilización e intervención en suicidio. Á charla, que tivo unha duración de 2 horas e media, acudiron arredor de 90 alumnos e alumnas de 4º de Psicoloxía, así como estudantado doutras carreiras que tamén tiveron acceso á mesma.

Os contidos impartidos foron consensuados co alumnado, dividindo deste xeito a sesión en dous grandes bloques: conduta suicida (onde se abordou que é a ideación e a tentativa autolítica, datos estatísticos, condicionantes na abordaxe profesional, ideas erróneas, mitos e falsas crenzas, o papel dos medios de comunicación, identificación e prevención, etc.) e intervención (onde se plantexaron aspectos xerais da abordaxe da conduta suicida).

Tras a exposición dos contidos, abriuse un amplo espazo de preguntas de arredor dunha hora de duración onde o alumnado puido consultar e reflexionar sobre a materia exposta, resultando moi enriquecedor tanto para as persoas asistentes como para a ponente e o equipo organizador. A enquisa de satisfacción demostrou que a charla resultou moi frutífera, esclarecedora e útil, deixando así patente o interese e a inquedanza que suscita esta temática entre os e as futuras profesionais da Psicoloxía.

Cómpre sinalar que, con anterioridade á charla, o grupo de alumnos e alumnas que a promoveron xa realizara unha performance sobre o suicidio a modo de divulgación, a cal foi presentada ao inicio da sesión formativa para contextualizar o proxecto que promoveu este encontro. Dende Saúde Mental FEAFES Galicia queremos amosar o noso recoñecemento e gratitude a este grupo de estudantes pola súa inquietude, iniciativa e contribución á visibilización da problemática do suicidio dun xeito tan proactivo e entusiasta.


Compartir contido