12/07/2021.

Obradoiros para poñerse a punto para o emprego



As preto de 50 persoas participantes no programa Posta a Punto para o Emprego que desenvolve Saúde Mental FEAFES Galicia nas súas cinco delegacións (A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo), están a participar estes meses nunha serie de obradoiros que lles permitirán adquirir motivacións, habilidades, competencias e capacidades que favorezan o seu acceso ao mundo laboral, podendo así reverter a súa situación de exclusión social.

En A Coruña, as últimas semanas desenvolvéronse moitos destes talleres nos que participaron persoas con problemas de saúde mental perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) ou do Ingreso Mínimo Vital (IMV). Financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade, este programa pretende mellorar a empregabilidade destas persoas mediante actuacións que van desde a fase de información e acollida ata un seguimento posterior á finalización do programa.

Do 21 a 23 de xuño desenvolveuse un taller sobre competencias transversais para o emprego, onde as persoas participantes aprenderon a identificar e adestrar unha serie de competencias profesionais e persoais que favorecen o acceso e o mantemento dun traballo, como a xestión do tempo, a tolerancia á frustración, a flexibilidade, a asertividade, o traballo en equipo ou as relacións interpersoais.

Do 29 de xuño ao 1 de xullo, levouse a cabo un obradoiro sobre entrevistas laborais que permitiu ás persoas participantes adquirir e afianzar as competencias necesarias para dar unha boa imaxe e aumentar as posibilidades de éxito en futuras entrevistas laborais. Abordáronse temas como a relevancia do CV para acceder ás entrevistas laborais, a linguaxe verbal e non verbal ou as particularidades das entrevistas con máscara.  

O 1 de xullo, pola súa banda, as persoas participantes do programa Posta a Punto para o Emprego da Coruña asistiron a unha charla da empresa EULEN impartida polas técnicas de selección Esther Mezquita e María Sánchez, a cal permitiu afondar nos coñecementos sobre entrevistas de traballo dende o punto de vista das persoas entrevistadoras e empregadoras. A esta charla tamén acudiron de xeito telemático un grupo de participantes do programa en Lugo.

Esther e María falaron da organización na que traballan, indicando os sectores de ocupación nos que se moven, os perfís máis demandados e aspectos relevantes dos procesos de selección. Tamén ofreceron consellos de cara á inscrición nas ofertas de interese ou elementos que marcan a diferencia nas cartas de presentación e nos CV. A charla foi de gran interese para as persoas participantes, que puideron resolver dubidas comúns no seu proceso de busca de emprego, e para as ponentes, que coñeceron os perfís profesionais e as motivacións laborais das persoas demandantes de emprego que participaron no encontro.

O 2 de xullo tivo lugar outra charla sobre dereitos e deberes das persoas traballadoras impartida por Ángel Iglesias Fernández, secretario xeral de UXT Coruña. Nesta sesión, ademais dos coñecementos básicos sobre dereitos e deberes laborais, abordouse o tema da prevención de riscos no traballo, presentáronse os conceptos fundamentais de saúde laboral e introduciuse unha interpretación básica de nóminas. Ángel puido resolver as dúbidas das persoas participantes e indicoulles que teñen dereito a asistencia gratuíta para asesorarse sobre temas puntuais, se así o desexan.

Agás a última charla, que tivo lugar na sede da UXT na Coruña, os demais talleres foron realizados nunha aula cedida pola Deputación da Coruña no IES Rosalía Mera. A formación dirixida á capacitación laboral estívose a realizar simultaneamente nas cinco cidades nas que se desenvolve o programa: A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo.

Compartir contido