11/06/2021.

«Plasmar as emocións nun libro resúltame liberador e ás veces divertido»



Susana Varela chegou a Saúde Mental FEAFES Galicia hai aproximadamente un ano coa intención de canalizar o seu proceso de procura de emprego. Tras participar no Programa de Atención Integral a Mulleres, e co acompañamento do persoal técnico da entidade, aprendeu a fixar obxectivos, concretar accións e dirixirse cara ás súas metas. Hoxe, co seu segundo libro entre as mans, amósase satisfeita do camiño que está a percorrer.

«Escribín estes relatos, poesías e ensaios ao longo de aproximadamente dez anos. Uns teñen un cariz autobiográfico, outros retratan a persoas que se cruzaron na miña vida, hai narracións máis autónomas e outros textos desenvolven ideas nun ton máis experimental e lúdico. Con tal contido, creo que é fácil imaxinar que a maioría dos procesos resultaron densos emocionalmente para min. Pero ao mesmo tempo, conseguir plasmar resúltame liberador e ás veces divertido», conta Susana.

Modos de vida adornados con flores saíu á luz o pasado mes de marzo e é un compendio de historias curtas e ensaios que falan das moitas maneiras que poden atopar as persoas para tratar de encher os baleiros que detectan nas súas vidas. Durante os últimos meses da xestación do libro, Susana estivo a participar no Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, onde afirma ter gañado «confianza en min mesma derivada de ter os meus obxectivos máis definidos, o cal me axuda a emprender pasos nesa dirección».

Este programa, cuxa resolución vén de ser publicada, trata de fomentar a igualdade de oportunidades para reducir a discriminación que sofren as mulleres con problemas de saúde mental. Financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade, busca dotar dunha maior autonomía e independencia ás mulleres participantes para mellorar a súa situación persoal, social e laboral, ofrecendo unha atención personalizada e especializada en cada caso. 

«A cuestión laboral continúa a ser a miña prioridade nestes momentos», afirma Susana, «e con FEAFES Galicia dei pasos significativos para enfocar máis o meu obxectivo e mellorar a miña presentación profesional». Conta que para iso realizou test de orientación profesional, revisou e reelaborado o seu currículo vitae... mesmo, como parte do proceso de definición de obxectivos, tamén empezou a preparar unha oposición. 

Ademais diso, Susana cre que o seu principal logro «ten que ver con aprender a convivir coa extrema sensibilidade característica do trastorno que eu teño e, sobre todo, aprender a sacarlle partido, facendo o que chamariamos unha “vida normal” tanto nos aspectos prácticos —traballo, actividades cotiás, metas ou proxectos persoais—, como nos emocionais —relacións, equilibrio interno, etcétera—», comenta Susana.

A unha muller que estea a pasar por un momento complicado a nivel de saúde mental, recomendaríalle desestigmatizar o seu conflito e abordalo con honestidade, valentía e calma. «Se lle resulta máis fácil, con axuda psicolóxica ou doutras terapias, así como adoptar hábitos de vida saudables: ioga, exercicio, alimentación equilibrada, disciplina, boas compañías, afeccións…», aconsella. 

Ademais, a partir da súa propia experiencia, Susana asegura que é importante coidarse por dentro e por fóra, responsabilizarse —sen culpabilizar— e tomar as rendas da saúde dunha mesma. «Hai que asumir este labor desde unha actitude serena e construtiva, con confianza en nós mesmas e nas nosas capacidades, porque creo que é en nós e no noso autocoñecemento e coidado onde está a clave da saúde e a felicidade», conclúe. 

Respecto a Modos de vida adornados con flores, o seu proxecto persoal máis recente, espera «poder chegar aos lectores e quizais inspirarlles e acompañalos nas súas propias vidas». Aínda que de entrada poida parecer un libro recomendado máis ben para persoas afeccionadas a lecturas intimistas, Susana Varela cre que Modos de vida adornados con flores «é tamén unha pequena caixa de sorpresas onde pode atoparse o que non se busca, e viceversa». 

O libro pódese encargar en calquera librería ou conseguir a través de Amazon tanto en papel como en versión e-book.



Compartir contido