16/09/2021.

Poñémonos a punto para o emprego co apoio de AGAEXAR



O pasado 13 de setembro, a delegación viguesa de Saúde Mental FEAFES Galicia mantivo unha reunión coa Asociación Galega de Empresas de Xardinería, AGAEXAR, coa fin de coñecer a misión e traballo de ambas entidades e unir forzas de cara á inclusión das persoas con problemas de saúde mental.

Na devandita reunión participaron, por parte de AGAEXAR, Víctor Mario Pérez Vilar, director; Juan Antonio de Jesús González, xerente técnico; e Sonia Pérez Andrade, técnica. En representación de Saúde Mental FEAFES Galicia acudiron Eva Fernández, responsable do programa Posta a Punto para o Emprego; e Isabel Seguín, prospectora laboral. 
 
As técnicas da federación de saúde mental explicaron a labor desempeñada pola entidade dirixida á promoción da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental, así como a importancia da súa integración laboral. Así mesmo, presentaron o Programa Posta a Punto para o Emprego, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade, que trata de mellorar a empregabilidade de 50 persoas con problemas de saúde mental perceptoras da RISGA ou da RMI en toda Galicia. 

As persoas responsables de AGAEXAR, que agrupa ás empresas enmarcadas no sector da xardinaría en Galicia, ofrecéronse a colaborar cos programas que desenvolve Saúde Mental FEAFES Galicia ofrecendo prácticas non laborais ás persoas usuarias, así como ofertas de traballo cando haxa vacantes nalgunha das súas empresas asociadas. Deste xeito, ambas entidades asinaron un convenio de colaboración para formalizar a alianza.  
Compartir contido