24/05/2021.

Premios do II Concurso de fotografía “Deixádevos de lerias: traballo en igualdade”

O xurado do II Concurso de Fotografía “Deixádevos de lerias: traballo en igualdade”, composto polas oito persoas que conforman o Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia, o coordinador de Desenvolvemento Asociativo de Saúde Mental FEAFES Galicia e a responsable de comunicación de Saúde Mental FEAFES Galicia, resolveu conceder os seguintes premios:

  • 1º PREMIO: “Efectos secundarios a la carta”, de Manuel Jesús López Figueroa
  • 2° PREMIO: “Un vacío inesperado”, de Victoria Sueiro Lamas
  • 3° PREMIO: “Autorrealización”, de Alberto Valín Valle

A fotografía gañadora, “Efectos secundarios a la carta”, pon sobre a mesa o tema da medicación, que aparte de ter beneficios para as persoas con problemas de saúde mental, a miúdo provoca unha serie de efectos secundarios como tics, perda de memoria ou falta de atención, entre outros. Estes efectos secundarios ocasionan, por exemplo, que estas persoas non poidan conducir, ademais de empeorar a súa empregabilidade. Máis alá do interese da temática, o xurado valorou a posta en escena, a expresión da persoa e como a imaxe reflexa esta realidade dun xeito moi plástico. 

A segunda fotografía, “Un vacío inesperado”, amosa o camiño que ten que percorrer unha persoa con problemas de saúde mental para acceder a un posto de traballo. Este camiño está cheo de medos e inseguridades: hai moitos obstáculos, baleiros, confusión... unha mestura de sentimentos en relación ao emprego. O xurado valorou desta fotografía a capacidade para transmitir todas estas sensacións: a actitude da persoa, a impresión de que é fácil perder o equilibrio, a maraña de camiños que se cruzan... Destaca tamén a boa calidade da fotografía e a composición da imaxe.

A terceira fotografía, “Autorrealización“, amosa unha escaleira, sendo cada chanzo un avance de satisfacción e realización que se logra a través do emprego. O xurado apreciou a mensaxe positiva e de superación, ademais dunha composición e un encadre axeitados, así como a naturalidade da escena.

A entrega de galardóns terá lugar nas próximas semanas. O Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia quere agradecer novamente a participación de todas as persoas que enviaron as súas fotografías ao concurso, felicitar ás persoas que resultaron premiadas e recoñecer a calidade tanto estética como conceptual de todas as propostas recibidas.

A convocatoria deste concurso foi un xeito de expresar as inquedanzas e visións da realidade dende o colectivo de persoas con problemas de saúde mental. Este colectivo ten unha baixísima taxa de empregabilidade: de cada 10 persoas con problemas de saúde mental, só 2 traballan. A importancia do emprego e a loita pola súa procura é, para o Comité en Primeira Persoa, fundamental; por iso, insisten en que entre todas e todos conseguirémolo.


Compartir contido