14/10/2021.

Prevención do suicidio da man de Andaina

Segundo os datos da Memoria 2020 do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), foron un total de 307 as mortes por suicidio que se produciron en Galicia o ano pasado, sendo a segunda comunidade autónoma con maior taxa de suicidios despois de Asturias. A Coruña é a provincia que máis suicidios rexistra cunha cifra de 135 mortes. 

Vimos de conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental, e a asociación Andaina incide na necesidade de abordar esta problemática de xeito integral comezando pola sensibilización da comunidade para dotala de información e ferramentas coas que abordar a conduta suicida. 

Tal e como afirma a asociación, o que se sabe do suicidio ata agora permite anticiparse, permite que profesionais, familiares e outras persoas próximas poidan detectar as sinais de alarma e prestar axuda á persoa en situación de risco. Máis para isto, é preciso que a problemática do suicidio sexa un debate aberto na sociedade, que exista compromiso político por abordalo e que se traduza en recursos e orzamento. Falar de suicidio axuda a previlo.

En consonancia coa problemática detectada, Andaina comezou a traballar na prevención do suicidio cun programa piloto no ano 2020 na comarca de Ordes, que ten continuidade neste 2021 a través do Programa integral para a mellora na detección e intervención en risco de suicidio nas comarcas rurais de Ordes e Ulla-Sar

Con este programa preténdese contribuír á redución da incidencia do suicidio nas comarcas nomeadas a través de tres liñas de actuación: información e sensibilización social, intervención con persoas e grupos vulnerables e formación a profesionais do ámbito sociosanitario. Ao abeiro deste programa, elabóranse diferentes materiais de apoio e realízanse sesións formativas e charlas.

Andaina ponse a disposición daquelas persoas que poidan precisar información e apoio en relación á conduta suicida, podendo contactar no 981 076 405 ou en andainapsm@gmail.com.


Compartir contido