13/05/2022.

Rompendo as barreiras do emprego


Ademais das dificultades derivadas da propia enfermidade, as persoas con problemas de saúde mental atopan diversos obstáculos para acceder ao mercado laboral. Moitos relacionados co estigma que aínda persiste en parte da sociedade. Pero atopar e manter un traballo é un requisito fundamental para que estas persoas poidan conservar a súa autonomía e sentirse integrados na comunidade.

Os estudos indican que só un 17% das persoas con problemas de saúde mental accede a un emprego. Pero a nosa experiencia mostra que, cando existen apoios especializados, a porcentaxe de inserción aumenta.

Grazas á Consellería de Emprego e Igualdade, en Saúde Mental FEAFES Galicia contamos con orientadores e orientadoras laborais en todo o territorio galego que traballan coas persoas usuarias dos nosos programas. Este servizo existe para responder as demandas de mellora de empregabilidade e aumento das competencias profesionais das persoas atendidas, que desexan poder ter as mesmas oportunidades que o resto da sociedade.

En consecuencia, o pasado mércores 11 de maio, os técnicos e técnicas de orientación laboral e a coordinadora reuníronse para revisar o procedemento de traballo cás persoas demandantes de emprego. O obxectivo principal da nosa entidade é reducir o prexuízo social e poder defender os dereitos das persoas con problemas de saúde mental. Entre eles, o acceso ao mercado laboral. Por iso, os nosos profesionais actúan nas catro provincias Galegas, traballando día a día para ofrecer a mellor atención especializada ás persoas que o precisan.

 

Estamos ao servizo de todas as persoas con problemas de saúde mental para atender as súas demandas e deseñar en común un itinerario personalizado de acceso ao emprego


Podes contactar con nós no

900 10 26 61


Compartir contido