03/03/2021.

Saúde Mental FEAFES Galicia esixe o cumprimento do plan de vacinación nos recursos de saúde mental

Dende a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Saúde Mental FEAFES Galicia), plataforma de representación e defensa da cidadanía galega con problemas de saúde mental grave e persistente, que integra na actualidade a 15 asociacións de atención a este colectivo, con centros e servizos en máis de 30 localidades da nosa comunidade autónoma, queremos transmitir a nosa preocupación e contrariedade ante un asunto relacionado coa vacinación das persoas con problemas de saúde mental e dos profesionais de atención directa dos nosos recursos, nomeadamente unidades residenciais, centros de rehabilitación psicosocial e laboral e vivendas protexidas.

Tratándose estes de recursos de atención á discapacidade, nalgúns casos de carácter residencial, e sendo coñecedores de que outros recursos de discapacidade de análoga natureza xa recibiron a administración da vacina, denunciamos que os dispositivos de atención á saúde mental se atopen aínda no punto de partida do proceso de vacinación.

Concretamente, a vacina non foi administrada aínda en ningunha das unidades residenciais coas que conta a federación, sendo estes centros prioritarios segundo o Plan de Vacinación da Xunta de Galicia. Respecto aos centros de rehabilitación psicosocial e laboral, a vacina tan só foi administrada ao persoal de atención directa na metade deles. Non temos constancia, por outra banda, de que as persoas usuarias das vivendas protexidas e os/as profesionais que as atenden vaian ser vacinados como grupo prioritario, polo que estas tamén quedarían fóra das primeiras quendas de vacinación.

Ante esta situación, Saúde Mental FEAFES Galicia dirixiu unha carta á Directora Xeral de Saúde Pública o pasado 26 de xaneiro e ao Conselleiro de Sanidade o 16 de febreiro. Ambas foron respostadas, xustificando a demora na vacinación polo retraso na recepción de doses, e sinalando, así mesmo, que a semana do 17 de febreiro comezarían a vacinar ás persoas residentes e traballadoras das nosas residencias.

Pasados xa varios días dende esa data, non téndose iniciado aínda o proceso de vacinación nas unidades residenciais e estando este incompleto nos centros de rehabilitación psicosocial e laboral, enviamos unha carta ao Presidente da Xunta, D. Alberto Núñez Feijóo, o pasado 26 de febreiro, a cal non foi respostada a día de hoxe. Ante iso, dende Saúde Mental FEAFES Galicia queremos denunciar a desprotección que está a sufrir o noso colectivo neste proceso de inmunización, esixindo que as persoas residentes e usuarias dos nosos recursos poidan beneficiarse das medidas de prevención en saúde que lles corresponden neste contexto de pandemia. 

A realidade é que as nosas son as únicas residencias de Galicia nas que aínda non se vacinaron ás persoas residentes, e nos centros de atención diúrna imos con retraso con respecto a outros recursos análogos. Solicitamos que esta situación sexa enmendada o antes posible, sinalando que non temos a intención de adiantarnos á nosa quenda, pero tampouco queremos quedarnos atrás nun asunto de semellante relevancia como é a protección da saúde do noso colectivo.


En Santiago de Compostela, a 03 de marzo de 2021.

Asdo.
Xosé Ramón Girón García
Presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia
Compartir contido