13/07/2022.

Traballando pola igualdade desde Vigo

As mulleres con problemas de saúde mental son un colectivo frecuentemente invisibilizado. Experimentan unha tripla discriminación: rexeitamento pola discapacidade, estigma asociado aos problemas de saúde mental e a discriminación derivada por ser muller.

O Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, busca fomentar a igualdade de oportunidades para reducir a discriminación que sofren estas mulleres.

Neste sentido, realizamos durante os meses de xuño e xullo tres obradoiros cuxo obxectivo é mellorar a situación persoal, social e laboral das mulleres vulnerables con problemas de saúde mental que participan deles.

No obradoiro EscaPP: Aplicación Móbil de Apoio ás Vítimas de Violencia de Xénero; tivo como obxectivo facilitar información sobre a estrutura e funcionamento das apps que prestan axuda a mulleres que están vivindo unha situación de violencia de xénero, así coma a seus fillos e fillas ou a persoas que poidan coñecer situacións deste tipo. As seis participantes deste obradoiro realizaron tamén unha visita a diferentes recursos da área de Vigo que traballan na defensa dos dereitos das mulleres.

O obradoiro de Sexualidade e Afectividade busca, a través de dinámicas participativas, crear un espazo de comunicación segura no que as 4 usuarias puideran compartir experiencias e inquedanzas e adquirir ferramentas para unha vida sexual e afectivas en termos de igualdade, respecto e tolerancia. Tamén visitaron o recurso QUÉROTE+, onde puideron coñecer a labor que se fai desde este recurso.

Por último, no obradoiro de Prevención de Malos tratos, que se realizará o 15 e22 de xullo, búscase que as mulleres participantes reciban información sobre a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e as relacións afectivas baseadas no bo trato; así como identificar situacións de vulnerabilidade e violencia para poder previlas. Unha das sesións deste taller será impartida por unha psicóloga da Asociación Rede de Mulleres Veciñais Contra Os Malos Tratos de Vigo.



Compartir contido