14/10/2021.

Xente única, un grupo de lecer autoxestionado na Coruña



Un grupo de usuarios e usuarias da asociación APEM veñen de crear un grupo de autoxestión do tempo libre ao que chamaron Xente Única. Segundo Gemma González, traballadora social da entidade, “este grupo é o maior triunfo que podemos ter como profesionais, porque son os usuarios os que toman as rendas do que queren facer co seu tempo libre”

A súa primeira actividade aberta á cidadanía será o 17 de outubro e consistirá nun pequeno roteiro pola Coruña, desde a fonte dos surfeiros ata a explanada de O Parrote. Comezará ás 10:30 e está previsto que remate sobre as 12:30, e decidiron bautizalo “Un paso pola saúde mental”.

O grupo Xente Única considera, segundo as súas propias palabras, que “moitas persoas que están encerradas nas súas casas son conscientes de que precisan axuda e non saben como pedila”, e por iso queren axudarlles a dar o primeiro paso e facerlles ver que non están soas. Por iso, calquera persoa que queira participar nas actividades organizadas por este grupo, pode poñerse en contacto coa asociación chamando ao 981 132 218.

Para a andaina do día 17, o aforo está limitado a 200 persoas e repartiranse os dorsais antes de empezar a actividade por orde de chegada. Esta acción pretende ser o pistoletazo de saída a moitas outras que permitan a estas persoas gozar do seu tempo libre de forma autónoma e en compañía.

Máis info en La Opinión A Coruña

Compartir contido