21/11/2014.

FEAFES Galicia, mellor asociación de pacientes nos “Premios á Sanidade en Galicia”

Este mes de novembro celebrouse unha nova entrega da serie de Sanitaria 2000 “Premios á Sanidade de…”, que nesta ocasión elixiu a Galicia como autonomía recoñecida polo valor do seu sistema sanitario e dos profesionais que o fan posible. O evento, que tivo lugar o pasado 20 de novembro, desenvolveuse no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela, coa colaboración de Novartis e Oximesa.

A conselleira de Sanidade galega, Rocío Mosquera, foi a encargada de presidir a entrega dos “Premios á Sanidade de Galicia”, quen subliñou que estes galardóns supoñen “un estímulo para todo o traballo que os profesionais fan ben cada día”. Durante a cerimonia houbo tempo para render tributo ó traballo desenvolvido polas asociacións de pacientes, que ocuparon unha das 17 categorías das que se compoñen estes galardóns.

O xurado, composto por importantes personalidades do panorama sanitario nacional, determinou que fose FEAFES Galicia quen se fixese co galardón destes primeiros premios na categoría de Asociación de Pacientes. Para conseguilo, a entidade competiu coa Liga de Reumatoloxía Galega e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).

A enfermidade mental é unha patoloxía grave, persistente e crónica, que desafortunadamente causa un grave deterioro na vida das persoas e na do seu entorno. “Este premio permítenos visibilizarnos e amosar os problemas ligados a un colectivo inmenso e que está esquecido”, manifestou Xosé Ramón Girón García, presidente de FEAFES Galicia.  

Con este galardón, que ten como obxectivo a posta en valor das entidades formadas polo colectivo de pacientes e familiares, recoñécese a labor de FEAFES Galicia que se traduce en 25 anos de esforzo para aglutinar os intereses de 14 asociacións locais e focalizalos cara unha loita conxunta, co obxectivo de facerlle a vida máis fácil ás persoas con algunha enfermidade mental que tradicionalmente foron marcados cun estigma negativo por boa parte da sociedade.

Se queres consultar a listaxe completa de ganadores, podes facelo neste enlace

premios sanitaria post (1).jpg         premios sanitaria post (2).jpg

Compartir contido