17/09/2014.

Os usuarios de FEAFES Galicia prepárase para percorrer o Camiño de Santiago

A Federación de Asociacións  de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, realizará por quinto ano consecutivo o Camiño de Santiago, unha actividade na que participarán arredor de 50 peregrinos entre os que se atopan persoas con enfermidade mental, monitores e un pequeno grupo de familiares. 

O percorrido comezará o mércores 24 de setembro en Salceda (O Pino) e a chegada a Compostela está prevista para o venres 26 pola mañá. O itinerario, que se corresponde co último tramo do Camiño Francés, abrangue máis de 28  quilómetros. Na primeira etapa, os participantes percorrerán os 8 quilómetros que separan os lugares de Salceda e Arca, ambos no concello de O Pino. Na segunda xornada, os peregrinos camiñarán os 15,8 quilómetros que hai dende Arca ata o Monte do Gozo, onde pasarán a noite. O último día, venres 26, percorreranse os 4,5 quilómetros que quedan ata chegar ó casco histórico compostelán.

Antes de iniciar a viaxe, os participantes recibirán unha documentación cos monumentos e obras arquitectónicas que atoparán ó longo do percorrido, así como das sinais de referencia para poder seguir o itinerario. Ademais, o departamento de Ocio e Deporte de FEAFES Galicia proporciónalles previamente unha guía con consellos sobre como ir ben equipados e preparados para as longas caminatas. Está previsto que cada unha das etapas se realice pola mañá, de tal xeito que pola tarde os monitores de FEAFES Galicia e das asociacións participantes organizarán unha serie de dinámicas para que os peregrinos se coñezan entre si, socialicen e teñan un tempo de recreo e distensión.

Unha vez cheguen a Compostela, todos os participantes recibirán un certificado que acredite que percorreron este tramo do Camiño de Santiago. O venres 26 está previsto realizar unha recepción no Concello por parte da corporación municipal, a continuación da cal os camiñantes asistirán á Misa do Peregrino na Catedral para participar despois nunha comida de confraternidade nun restaurante do casco histórico.

Durante estes tres días, os usuarios de FEAFES Galicia que participan no Camiño de Santiago tan só terán que correr cos gastos da súa comida, xa que a Federación abonará o aloxamento nos albergues tanto para os usuarios como para os seus acompañantes.

Loita contra o estigma

Con esta iniciativa, FEAFES Galicia quere amosar á sociedade un perfil positivo e unha imaxe normalizada das persoas con enfermidade mental, loitando así de modo activo contra o estigma social que sofren. Esta viaxe de tres días tamén serve para que as persoas con enfermidade mental realicen exercicio físico, algo moi beneficioso para a súa saúde. Así mesmo, ten un factor lúdico rehabilitador, xa que permite que os participantes se integren na sociedade e realicen actividades colectivas. 

Este é o quinto ano que o Departamento de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia organiza esta iniciativa. Desta vez participan as asociacións Doa (Cangas e Vigo), Morea (Ourense e O Barco de Valdeorras) e Porta Nova (Narón), todas elas integradas na Federación. Ademais dos usuarios das asociacións, tamén participarán nesta actividade un grupo de usuarios dos cinco Clubs de Ocio que ten FEAFES Galicia nas súas diferentes delegacións (A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago). 

camiño de santiago (1).jpg          camiño de santiago (2).jpg

Compartir contido